Skip to Content

Abalar

Consellería de Educación

Os mandadiños do Meco para Infantil

Estos son os mandadiños do Meco para os nenos de infantil ó longo da semana:

Luns empeza

con algo na cabeza.

Quedarás coa nosa mirada

se o martes traes a cara pintada.

Para o noso gozo

o mércores traerás algo no pescozo.

E o xoves vístete do revés

                e trae algo nos pés.

CELEBRACIÓN DO ENTROIDO

Estimadas familias,

O vindeiro venres  5 de febreiro, celebraremos no centro o Entroido.

Este ano o disfrace será libre, poderá vir cadaquén como queira, as razóns desta decisión son fundamentalmente:

  •  Somos conscientes de que aos nenos e nenas gústalles disfrazarse, transformarse noutro ou noutra cun simple pano, ou cunhas gafas, ou cun sombreiro, con maquillaxes, etc O  Entroido tradicional consistía en poñerse roupas vellas e ocultalo rostro pintándoo cun tizón e deste xeito percorrer as aldeas pasándoo ben.
  •  Dende a escola queremos e debemos potenciar a súa creatividade e permitir que cada quen veña disfrazado do que queira, porque a creatividade desenvólvese, basicamente, coa práctica. Porén non é necesario que se merquen disfraces elaborados, senón facilitarlle telas, perrucas e adobíos: colares, panos, cinturóns, etc. é suficiente para que cadaquén compoña o seu propio e persoal disfrace.
  • Entendemos tamén que é unha festa para goce dos nenos e das nenas, ten que facelos desfrutar, a eles, ao alumnado.

As familias que queirades, poderedes enviarlle este día de merenda algún produto típico destas datas para que comparta cos seus compañeiros e compañeiras na aula.

Durante a xornada, organizaremos un baile de disfraces, que en función do tempo sería no patio traseiro de Primaria ou no patio polideportivo cuberto, en dúas quendas:

    • Infantil: de 12:05 a 12: 45 h.
    • Primaria: de 12:45 a 13:45 h.

 

Ademais, durante toda esa semana, DO LUNS 1 AO VENRES 5 DE FEBREIRO, temos previstas as seguintes actividades:

“Mandadiños do Meco” para Infantil

  • O profesorado de Educación Infantil informaravos con antelación de cales son estos mandadiños para cada día.

“Photo Call” para Primaria

  • Na biblioteca estará preparada a cámara con trípode, o fondo decorativo e accesorios para caracterizar un disfraz no momento. Estableceranse quendas por cursos e durante o recreo+Hora de Ler haberá alí profesorado do equipo de Convivencia para fotografiar aos nenos e nenas que o desexen. Farase unha montaxe fotográfica con todas as fotografías realizadas e subirase á web do centro.

 

Ambientación do Centro

  • Carteis anunciadores do Entroido na porta das aulas ou nos corredores, elaborados polo alumnado.

 

Materiais didácticos

  • Traballarase nas aulas pequenos proxectos e ou unidades didácticas relacionadas coa celebración.
  • Montarase unha exposición de libros na biblioteca relacionada coa temática do Entroido.

 

Bertamiráns, 26 de xaneiro de 2016

 

A Directora

 

Mª Isabel Abelleira Bardanca

A paz, a tolerancia e a convivencia

   Premendo neste Symbaloo ao que tamén podedes entrar desde o blog da  biblioteca, atoparedes cancións, cortos de animación, contos e historias sobre a paz, a tolerancia, o respeto e a convivencia para pensar e traballar na clase e na casa. Outras linguaxes...

     Materiais para pequenos  e  maiores, de arriba abaixo. Desde Pocoyo e Caillu ata un clásico como o discurso de Chaplin no Gran dictador, a realidade dos nenos na guerra, o respeto polas diferenzas e as discapacidades, cortos premiados, raps pola tolerancia, música colaborativa na rúa, os discursos das nenas  Malala (premio pola Paz)  e  Severn Suzuki  que fixeron pensar aos políticos na ONU. Un enlace coa páxina da orquestra infantil Cateura sobre a música  que se pode facer co refugallo que rodea os barrios pobres arredor dun vertedoiro en Paraguay. Cancións co texto da Cantarela dos nenos de Xosé Neira Vilas, o Imagine de Lennon con subtítulos en castelán e inglés, unhas nenas de Siria (como as nosas) cantando  e contando a súa realidade na guerra... A experiencia de Wangarii e as árbores da Paz en África e para os máis maiores un corto do Home que plantaba árbores baseado no libro do mesmo título de Jean Giono que o escribeu despois das súas experiencias en Francia na primeira guerra mundial... Por certo os libros de JRR Tolkien do Señor dos aneis escribeunos este profesor de linguística da universidade de Oxford despois de pasar pola mesma experiencia na guerra e perder  a tódolos amigos que foran con el: a batalla dos abismos de Helm narra en ficción o que el vivira nas trincheiras. Da mesma situación xurdiron as Crónicas de Narnia do seu amigo  CS Lewis. A realidade e a ficción ás veces van da man... 
     
      Podedes ler, contar, cantar, escoitar....  e sobre todo pensar.
Un pouco de todo como vedes.... Un mundo... 
 

 

Feliz 2016!

  O Ceip A Maía deséxavos un feliz ano 2016 con este video. Nel están só algúns dos traballos cos que alumnos, alumnas e profes decoraron os corredores e as portas do colexio desde a entrada: árbores de moi diversas clases e materiais, postais, estrelas, papás noel e máis cousas que contribuiron a mergullarnos no nadal.

BO NADAL !

 

 

 CANTIGA PRA RECIBIR O ANINOVO

¡Ai, qué Noiteboa chea de ledicia

si os galegos estuveran en Galicia!

¡E nós eiquí calados!

¡Ai, qué santo e bó sería o Nadal

si houbera no mundo menos mal!

¡E nós eiquí calados!

¡Ai, qué Aninovo cheo de craror

si houbera na terra mais amor!

¡E nós eiquí calados!

¡Ai, que leda e gozosa Epifanía

si todo amañecera limpo como o día!

¡E nós eiquí calados!

E si houbera xusticia, paz e ben,

¡cómo brilaría a estrela de Belén!

Os anos van pasados,

¡e nós eiquí calados!

Manuel María (ms.)

Monforte de Lemos, Nadal, 1964

 

 

Concurso de Cartas de Nadal– 2015

Este Nadal.... cultívao a diario!

 A iniciativa, baixo o lema ''Este Nadal...cultívao a diario!'' quere animar a nenos e nenas a encher de contidos as cartas que escriben pedindo os seus agasallos de Nadal.

É  unha actividade posta en marcha pola área de Normalización Lingüística do concello de Ames, este ano en colaboración tamén cos concellos de Teo e Santiago.

 

 A actividade diríxese a nenos e nenas ata 4º de primaria aproximadamente, mais é o profesorado ou os pais e nais quen mellor pode avaliar as posibilidades de enfoque en cada unha das idades.

Máis información no ficheiro adxunto. 

Premios IV edición Circuitos Carreiras Saudables CORRESÁN 2015

 A semana pasada rematou o IV CIRCUITO DE CARREIRAS SAUDABLES CORRESÁN 2015 cunha Gala no Auditorio onde os representantes do Concello de Santiago  e as empresas patrocinadoras entregaron os galardóns aos  atletas, equipos populares, centros escolares e clubes federados premiados pola súa participación e clasificación durante as 4 probas do circuito.

 O noso centro estivo representado por varios alumnos e alumnas que acadaron premios en distintas categorías.

 Ademáis o noso centro foi 3º en participación de alumnado. O encargado de recollelo foi Miguel, un dos profes de educación Física do Centro.

  

Póñovos aquí a LIGAZÓN coa páxina de CORRESÁN que ten un video da Gala.

E tamén a LIGAZÓN  coa páxina da Voz de Galicia cos premiados e a galería de fotos.

 Nesta LIGAZÓN coa páxina do Concello de Santiago tedes máis información e os listados cos premiados.

 

Homenaxe dos alumnos e alumnas de 6º B a Xosé Neira Vilas

  Segundo escribín na entrada anterior, Xosé Neira Vilas estivo falando  cos rapaces de 6º B a mesma mañá do xoves. Por unha serie de coincidencias chamou por teléfono cando eles estaban a piques de ler un dos seus poemas e falou cos nenos a través da súa profe. Fíxolles prometer que sempre lerían poesía... Agora as rapazas e rapaces enviaronlle a Marina a súa homenaxe personal a este gran escritor e aquí vola poño tal e como eles a escribiron:

"HOMENAXE do alumnado de Sexto B a Xosé NEIRA VILAS

Ai, amor!


Que lonxe!  Que lonxe estás!

Canta terra entre nós dous.

Pero dende que te fuches.

Ai, amor!  Ai, amor!

(Xosé Neira Vilas)

     O grupo de alumnos e alumnas de 6º B do Ceip A Maía tivemos a sorte de poder lerlle o poema “Ai, amor!” a Xosé Neira Vilas; escoitarlle e recibir, da súa parte, agarimosas palabras, animándonos a seguir lendo poesía.
    Isto que contamos, tería pasado en centos de veces con nenos e nenas de toda Galicia. Pero, no noso caso, foi algo especial: ocorreu o xoves día 26 de Novembro pola mañá, e esa mesma noite, faleceu na súa casa.
Estas son as nosas palabras de homenaxe e recordo ao escritor. E queremos que vaian acompañadas dunha promesa: non esqueceremos ler poesía nin as súas obras en prosa!
Balbino e Ruliño están tristes. Botan de menos ao seu pai.
Os nenos queremos que Xosé volva ás nosas vidas. De calquera xeito, sempre estará no noso corazón.
As alumnas e os alumnos de 6º B."

Xosé Neira Vilas, un rapaz de aldea no Ceip A Maía

  Onte finou o escritor Xosé Neira Vilas autor de “Memorias  dun neno labrego”, o libro máis lido e traducido da literatura galega que comeza con estas palabras“Eu son Balbino. Un rapaz da aldea. Coma quen dis, un ninguén…”.

  Con motivo do 50 aniversario da publicación das memorias de Balbino, no ano 2011 o escritor visitou o noso Centro, conversou cos rapaces do 3º ciclo e adicoulles os seus libros. Nesta ligazón co blog da Biblioteca  podedes ver como transcurreu a visita e lembrar a Don Xosé.

Estratexia Galega de Convivencia Escolar

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria presentou neste ano a Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2015-2020, un documento de traballo presentado ao Consello para a Convivencia Escolar da Comunidade Autónoma de Galicia co fin de ofrecer á comunidade educativa unhas pautas de traballo que promovan a adopción de boas prácticas no ámbito da convivencia escolar.

 

Pódese consultar o documento na seguinte ligazón.

Distribuir contido


Usuarios conectados

Agora mesmo hai 0 usuarios e 3 invitados conectados.

by Dr. Radut