AVISO IMPORTANTE: FOLGA XERAL 24/11/2023

A organización sindical Sindicato para la Solidaridad de los Trabajadores de España comunicou a convocatoria dunha folga xeral que afectará o persoal docente dos centros educativos públicos da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, e que se desenvolverá desde as 00.00 horas do día 24 de novembro de 2023 e finalizará ás 23.59 horas dese mesmo día. Tamén é posible que afecte ao transporte escolar.

 

Ante esta convocatoria e en previsión de que o persoal deste centro poida acollerse ao seu dereito á folga, establécense uns servizos mínimos para garantir a atención, vixilancia e coidado do alumnado, xa que o centro permanecerá aberto no seu horario habitual.

Como servizo mínimo para garantilos establécese que os centros docentes permanezan abertos no seu horario habitual, coa necesaria presenza nos ditos centros do/da director/a ou, de ser o caso, doutro membro do equipo directivo que o/a substitúa, xa que tales membros do equipo directivo teñen a representación do centro e garanten o cumprimento das leis e demais disposicións vixentes, como sinalan as letras a) e d) do artigo 132 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, e polo tanto están capacitados e facultados para resolver calquera incidencia respecto da seguridade dos menores de idade. Así mesmo, consonte a normativa citada, o/a director/a tamén está facultado e capacitado para resolver calquera incidencia que se poida producir respecto do conxunto dos bens que integran un centro docente.

A presenza dun subalterno ou subalterna deriva das funcións que a este tipo de persoal lle competen respecto do coidado e vixilancia das instalacións e do control de entrada e saída do centro educativo, tanto para evitar a entrada de persoas alleas ao centro como para evitar a saída dos menores de idades cando non corresponda.

Dentro do deber de outorgar protección básica ao menor de idade debemos incluír a súa alimentación. Así, cando un servizo público asume esta responsabilidade, non pode desatendela, o que motiva que unha persoa con funcións de cociña deba permanecer nos centros educativos ordinarios con servizo de comedor.

O dereito á seguridade e o correlativo deber de protección dos menores, que, como se dixo, non pode ser paralizado, inclúen a actividade básica de coidar a integridade física e hixiene daqueles que, por teren diminuídas as súas capacidades, necesitan unha constante vixilancia e atención (artigo 49 da Constitución) por parte de coidadores de alumnado con necesidades educativas especiais presentes nos centros docentes ordinarios. 

 

En todo caso, quedará garantida a apertura e o peche do centro.

Máis información no Diario Oficial de Galicia

 

Recomendación do Departamento de Dinamización e Normalización da Lingua

PDF con recomendacións dende o Departamento de Dinamización de Normalización da Lingua sobre a exposición e actividades que se están a facer no Museo Gaiás relacionadas co Seminario de Estudos Galegos.

Samaín 31 de outubro

Estimadas nais, pais, familias,

O Samaín é unha das celebracións máis antigas que se coñece e ten a súa orixe nos celtas de Galicia, que se vestían con peles de animais e máscaras para escorrentar aos “espíritos malignos”. A noite do 31 de outubro marcaba o fin da época de colleita e o final do verán, e o comezo do escuro e frío inverno. Por iso crían que ese día, a barreira do mundo humano e espiritual se esvaecía e os seus habitantes podían mesturarse. No Samaín non só críase na existencia de espíritos, tamén de fadas e trasgos. Ao abrir a porta dos dous mundos, pensábase que tamén podían entrar estes seres máxicos. Por iso, había que ter moito coidado a quen se lle abría a porta o 31 de outubro. A lenda conta que, se o visitante era un fada, a familia tería sorte durante o ano seguinte. En cambio, se era un trasgo, pasaría unha tempada de penurias e infortunios.

O vindeiro martes 31 de outubro celebraremos o Samaín, e comunicámosvos que  as/os vosas/os fillas/os poderán vir disfrazados e/ou maquillados se queren, por suposto é absolutamente voluntario. Só poñemos tres condicións:

1.- Que  sexa relacionado co Samaín e non co Halloween, somos conscientes de que ás veces confúndense e mestúranse.

2.- A cara ten que estar recoñecible e polo tanto non pode vir cuberta con máscara.

3.- Que os posibles complementos non supoñan un atranco para o desenvolvemento da xornada.

 

Grazas pola vosa colaboración

Samaín 2023

 

Estimadas familias:

Achégase o Samaín e como forma parte da nosa tradición máis enxebre, o Equipo de Dinamización e Normalización da Lingua Galega quere organizar unha serie de actividades:

  • En coordinación co Equipo da Biblioteca, realizarase unha exposición de libros sobre a temática dos medos infantís e de como superalos ou afrontalos, e do Samaín.
  • Organizar unhas exposicións nos edificios de educación infantil e no de educación primaria . Ditas exposicións levarán por título “Varrendo os medos”. A idea consiste en transformar unha vasoira (de bruxa, facendo así clara mención ás meigas galegas) nunha personaxe de medo, ou un obxecto relacionado con esta temática. Pensamos que poden traelas durante a semana do 23 ao 27 de outubro, a ser posible nos primeiros días, luns e martes para que así os nenos poidan ir desfrutando xa da exposición ao longo da propia semana.
  • Ademais tamén se traballará nas titorías con outras propostas didácticas que o Equipo de Dinamización e Normalización da Lingua fará ao profesorado e alumnado. Esperamos que vos agraden e pedimos a vosa colaboración para á que de antemán vos damos as grazas.

 

O Equipo de Dinamización e Normalización da Lingua Galega.

CALENDARIO ESCOLAR 2023/24

ORDE do 3 de maio de 2023 pola que se aproba o calendario escolar para o curso 2023/24 nos centros docentes sostidos con fondos públicos na Comunidade Autónoma de Galicia.

ACTIVIDADES LECTIVAS DO CURSO ESCOLAR 2023/24

As actividades lectivas nas ensinanzas de educación infantil, de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria, de bacharelato e de formación profesional realizaranse desde o día 11 de setembro de 2023 ata o 21 de xuño de 2024, ambos incluídos.

VACACIÓNS ESCOLARES:

Os períodos de vacacións escolares no curso académico 2023/24 serán os seguintes:

  • Nadal: desde o día 22 de decembro de 2023 ata o día 7 de xaneiro de 2024, ambos incluídos.
  • Entroido: os días 12, 13 e 14 de febreiro de 2024.
  • Semana Santa: desde o día 25 de marzo ata o día 1 de abril de 2024, ambos incluídos.

DÍAS NON LECTIVOS

Ademais das festas de ámbito estatal, son días non lectivos os festivos así declarados pola Consellería de Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, en exercicio das competencias que lle atribúe o artigo 45 do Real decreto 2001/1983, do 28 de xullo, sobre regulación da xornada de traballo, xornadas especiais e descansos, na súa redacción dada polo Real decreto 1346/1989, do 3 de novembro, e as festas laborais de carácter local publicadas por resolución da devandita consellería.

  • 12 de outubro de 2023. Festivo nacional
  • 1 de novembro de 2023. Festivo nacional
  • 6 e 8 de decembro de 2023. Festivos nacionais
  • 7 de decembro de 2023. Día do Ensino
  • 9 de maio de 2024. Festivo local (Ascensión)
  • 17 de maio de 2024. Día das Letras Galegas

 

MODIFICACIÓNS AO CALENDARIO ESCOLAR

 Para este curso o centro solicitou como non lectivo o 10 de maio de 2024.

 

XUSTIFICACIÓN DE FALTAS DE ASISTENCIA DO ALUMNADO 2023_24

Considérase falta de asistencia a clase ou ausencia ao centro escolar a non presenza dun alumno ou dunha alumna nunha sesión completa de clase. As faltas de asistencia non debidamente xustificadas serán as que computen para a cualificación do posible absentismo.

Con carácter xeral, teñen a consideración de xustificables as seguintes faltas de asistencia a clase do alumnado:

a) Citacións que impliquen un deber inescusable, sendo xustificable o tempo necesario.

b) Morte ou enfermidade grave dun familiar de primeiro ou segundo grao.

c) Tramitación de documentos oficiais, presentación a exames e probas oficiais ou similares, sendo xustificable o tempo necesario.

d) Indisposicións, podendo ser xustificables ata un máximo de 2 días lectivos.

e) Enfermidade, sendo xustificable o tempo de prescrición médica.

No caso de faltas de asistencia a clase do alumnado non contempladas no apartado anterior, quedará a criterio da dirección do centro educativo a consideración das excepcionais circunstancias que concorran para a súa xustificación ou non. En todo caso, deberá garantirse o dereito á escolarización da alumna ou do alumno.

En todo caso, ante calquera falta de asistencia do alumno/a, os pais, nais, titores/ as ou  gardadores legais, deberán xustificala por escrito nos tres días seguintes, entregando o documento xustificativo ao titor/a por correo electrónico ou a través da axenda.

 

A xustificación das faltas de asistencia a clase do alumnado realizarase ante o profesorado titor e por parte da nai, do pai ou das persoas titoras legais ou gardadoras do alumnado, acompañando, segundo proceda:

  1.  Xustificante médico, no caso de enfermidade propia ou grave dun familiar de primeiro ou segundo grao.

No caso de faltas por indisposicións ou enfermidade:

 Se a ausencia comprende de 1 a 2 días ao mes, consecutivos ou non, presentarase xustificante por escrito dos pais, nais, titores/ as ou  gardadores legais.

 Cando a falta de asistencia ao centro educativo por visita médica ou por enfermidade sexa de máis de 2 días ao mes, a xustificación deberá estar apoiada polo informe médico correspondente.

 Considerarase falta xustificada por enfermidade prolongada a situación dos menores que se atopan convalecentes en domicilio ou hospitalizados por períodos superiores a un mes, e conste no centro educativo o informe médico correspondente.

 

2. Documento acreditativo, no caso de deberes inescusables, presentación a exames ou morte de familiares de primeiro ou segundo graos.

3. Calquera outro documento acreditativo da circunstancia que xustifique a ausencia.

Seguimento das faltas de asistencia a clase do alumnado e a súa comunicación

 O profesorado titor deberá comunicar ás nais, aos pais ou ás persoas titoras legais ou gardadoras do alumnado todas as faltas de asistencia a clase de cada mes, dentro dos primeiros cinco días naturais do mes seguinte e diferenciando as faltas xustificadas das non xustificadas.

Cando as faltas de asistencia a clase do alumnado presenten dificultades para a súa xustificación ou cando se incremente de forma significativa o número de faltas sen xustificar, o profesorado titor convocará a nai, o pai ou as persoas titoras legais ou gardadoras da alumna ou do alumno a unha reunión, coa finalidade de analizar a situación que se está a producir e tratar de corrixila, evitando que se produza a apertura do expediente de absentismo. Desa reunión levantará acta o profesorado titor.

Cada centro educativo establecerá nas súas normas de organización, funcionamento e convivencia o procedemento para realizar esas comunicacións ou citacións, así como a obrigatoriedade de deixar constancia de tales accións.

Definición de Absentismo

Tal como establece o artigo 22 do decreto 229/2011, do 7 de decembro, absentismo é a ausencia ao centro escolar sen causa debidamente xustificada do alumnado en idade de escolarización obrigatoria. Para ser considerado absentismo, esta ausencia debe supor un mínimo do dez por cento (10 %) do horario lectivo mensual.

 

IMPRESOS OBRIGATORIOS

 

Impreso para a xustificación de faltas

Impreso para a comunicación de ausencias prolongadas e/ou definitivas.

 

IMPORTANTE: A NON ENTREGA DOS IMPRESOS SERÁ MOTIVO DE NON XUSTIFICACIÓN DAS FALTAS

AUTOBÚS ESCOLAR: HORARIOS E PARADAS

Horarios: O horario das paradas sempre é aproximado. Deben estar 10 minutos antes nas paradas.

Os horarios a ter en conta son os de saída da parada inicial, as seguintes poderán sufrir pequenas variacións dependendo do tráfico ou das obras.

Autorizacións: Todo o alumnado transportado debe cubrir a autorización. Entrégase en secretaría ou envíase por correo electrónico ceip.a.maia@edu.xunta.gal

Alumnado de 4º de educación infantil (3 anos): Polos horarios do período de adaptación non farán uso do transporte até o luns 18 de setembro.

Paradas:

 

BUS Nº 1

Saída de Capeáns ás 8:36

Igrexa -  Covas ás 8:38h

Lombao: 8:40

Ventosa:8:41

Aldea Nova: 08:45h.

Porto: 08:50h

 

BUS Nº 2

Saída Paseo Fluvial : 08:43h.

Centro Médico: 8:48h

 

BUS Nº 3

Saída de Cortes: 08:30h.

Tarroeira:08:37h. Condomiña: 08:38h

Praza da Maía: 08:45h

 

BUS Nº 4

Pedregal: 08:45h. Chavián (Panadería Xallas): 08:50h

 

BUS Nº 5

Praza da Maía:08:40h

Panadería Xallas: 08:45h

 

BUS Nº 6

Centro Médico: 08:45h

Praza de Maía:8:50 h.

 

BUS Nº 7

Avenida Rosalía Castro, 34 (Supermercado): 8:40h

A  Madalena: 8:44h.

  

 

 Horario de regreso: Os autobuses saen do centro entre as 14:05h. e as 14:20h.

NORMATIVA SOBRE ACOMPAÑANTES NO TRANSPORTE

Todos os autobuses levan Acompañante Escolar. 

MANUAL DE SEGURIDADE VIARIA E BOAS PRÁCTICAS PARA PERSOAS USUARIAS DO TRANSPORTE DE ESCOLARES 

 

PROTOCOLO DE HÁBITOS SEGUROS 

Distribuir contido