Blogues

XI CAMPAÑA DE RECOLLIDA DE DENTES DO RATO PERÉZ

 

O Centro Nacional de Investigación sobre a Evolución Humana (CENIEH) organiza unha campaña anual de recollida de dentes de leite de nenos e nenas para fins científicos que abarcan desde o estudo da evolución humana ata análises forenses e odontolóxicas.


A campaña, que se desenvolve ininterrompidamente desde 2014, enmárcase no proxecto “Colección Rato Pérez”, iniciativa do grupo Antropoloxía Dental do Centro Nacional de Investigación sobre a Evolución Humana (CENIEH) e da súa Unidade de Cultura Científica e Innovación. A colección xa abarca máis de 3.000 pezas.

En Galicia o Consello Superior de Investigacións Científica, a través da súa Unidade de Cultura Científica (Delegación Institucional), participa na campaña. Como na edición de 2021, a recollida levarase a cabo o sábado 26 de novembro no CULTURGAL (Pontevedra). Así, persoal da UCC do CSIC en Galicia estará ese día no de 12:00 a 13.30 horas e de 16:30 a 18:30 horas no Carriño do CSIC recollendo os dentes de leite daquelas familias que desexen sumarse á iniciativa. Tódolos participantes recibirán un diploma e un obsequio pola súa participación. Antes de entregar as pezas os país/nais/titores legais das nenas e nenos terán que cubrir un cuestionario con diversos datos e asinar un consentimento no que se informa do uso que recibirán ditas pezas.

Un dos obxectivos desta iniciativa é que persoal científico de calquera parte do mundo e de diferentes campos da ciencia, como a arqueoloxía, a antropoloxía forense, a medicina oral e dental ou a paleoantropoloxía, poida acceder en persoa ou virtualmente aos datos desta gran colección de dentes de nenas e nenos nados durante o século XXI para os seus propios estudios.

O CSIC en Galicia é a única entidade galega que participa nesta campaña de recollida de pezas dentais, aínda que desde o CENIEH confían en ampliar o alcance a outras comunidades, e levala a outros países como Arxentina e Australia.

Vinde á CULTURGAL, buscade o Carriño do CSIC e non esquezades traer os dentes!!!

RELACIÓN DE PRESENTACIÓN DE CANDIDATURAS NO SECTOR DE PAIS E NAIS DE ALUMNOS/AS

Unha vez finalizado o prazo de presentación de candidaturas para a elección dos representantes de nais e pais do alumnado no CONSELLO ESCOLAR do Centro, a XUNTA ELECTORAL deste Colexio fai pública a relación dos nomes dos candidatos que se presentan á referida elección, segundo se indica de seguido por orde alfabético de apelidos:

1.-López Ben, Silvia.

2.-Pérez Pereira, Elena

Segundo o establecido no artigo 41 do Decreto 374/1996, do 17 de outubro (DOG do 21) corresponde elixir no presente proceso electoral a tres pais/nais, dun total de cinco que debe ter o Consello Escolar, sendo un deles proposto pola ANPA. Os outros dous representantes de pais continúan como consecuencia da súa elección anterior,

As votacións no sector pais/nais serán o 28 de novembro de 2022 no seguinte horario:

  •   de 16:30h  a 19:30 horas

 

    O que se fai público para xeral coñecemento.

RENOVACIÓN CONSELLO ESCOLAR 2022

Cada dous anos procédese á renovación parcial dos membros dos consellos escolares e normalmente coincide en anos pares polo que ao longo do mes de novembro procederemos a tal efecto.

Circular informativa pais/nais alumnado.

Modelo de presentación de candidatura pais/nais do alumnado.

Calendario das eleccións ao Consello Escolar.

Normativa que regula o proceso:

Renovación Consello Escolar

O mércores 2 de novembro de 2022 realizarase un sorteo público ás 13:15h, para designar ás persoas titulares e suplentes que conformarán a Xunta Electoral.

  Rematado o sorteo enviaráselle citación ás persoas designadas para constitúir a Xunta o día 7 de novembro ás 16:30h. 

Ampliación da axuda para adquirir material escolar

A contía individual da ampliación da axuda para adquirir material escolar é de 25 € adicionais.

 

Aula Virtual

Queridas familias.

Como ben acordamos en avisos anteriores, enviamos o procedemento para acceder á aula virtual:

 

Escribimos en google aula virtual do CEIP A Maía ou directamente desde este enlace

https://www.edu.xunta.gal/centros/ceipamaia/aulavirtual/

Entramos.

Cando apareza a interface da aula, na esquina superior dereita pinchamos en (Acceder).

A continuación Necesitamos 2 datos:

Usuario

Contrasinal

 

O usuario está formado polo nome e o apelido do alumnado, separados por un punto; por exemplo:

pepe.garcialopez

En caso de nome composto:

pepe.antonio.garcialopez

 

O contrasinal está asignado por defecto, pero poderedes cambialo, explicamos como:

Escribimos o noso usuario e en contrasinal poñemos changeme

Automaticamente entramos na aula pero sairá unha mensaxe que nos diga que deberemos cambiar o contrasinal.

En contrasinal actual poñemos changeme

En Novo contrasinal,  escribimos o que nós queiramos.

Finalmente pinchamos en curso 2022-2023

E eliximos o curso correspondente da nosa filla ou fillo en primaria ou infantil.

Se tendes calquera outra dúbida poñédevos en contacto de novo co centro e gustosamente intentaremos buscar unha solución.

Moitas grazas.

O equipo TIC.

Axenda escolar curso 2022/23

O Equipo de Dinamización da Lingua Galega do centro elaborou esta axenda para o curso 2022/23, para toda a comunidade educativa, pero especialmente para o alumnado de educación primaria, que sabemos que lles será de utilidade.

Podedes descargala e imprimila vós ou, se vos resulta máis cómodo, encargala en Gráficas SMT (Rúa das Pesqueiras, 6 Loc. 11), aquí en Bertamiráns, xa que o arquivo está depositado alí.

 

 

Información sobre xustificación de faltas

Considérase falta de asistencia a clase ou ausencia ao centro escolar a non presenza dun alumno ou dunha alumna nunha sesión completa de clase. As faltas de asistencia non debidamente xustificadas serán as que computen para a cualificación do posible absentismo.

Con carácter xeral, teñen a consideración de xustificables as seguintes faltas de asistencia a clase do alumnado:

a) Citacións que impliquen un deber inescusable, sendo xustificable o tempo necesario.

b) Morte ou enfermidade grave dun familiar de primeiro ou segundo grao.

c) Tramitación de documentos oficiais, presentación a exames e probas oficiais ou similares, sendo xustificable o tempo necesario.

d) Indisposicións, podendo ser xustificables ata un máximo de 2 días lectivos.

e) Enfermidade, sendo xustificable o tempo de prescrición médica.

No caso de faltas de asistencia a clase do alumnado non contempladas no apartado anterior, quedará a criterio da dirección do centro educativo a consideración das excepcionais circunstancias que concorran para a súa xustificación ou non. En todo caso, deberá garantirse o dereito á escolarización da alumna ou do alumno.

En todo caso, ante calquera falta de asistencia do alumno/a, os pais, nais, titores/ as ou  gardadores legais, deberán xustificala por escrito nos tres días seguintes, entregando o documento xustificativo ao titor/a por correo electrónico ou a través da axenda.

 

A xustificación das faltas de asistencia a clase do alumnado realizarase ante o profesorado titor e por parte da nai, do pai ou das persoas titoras legais ou gardadoras do alumnado, acompañando, segundo proceda:

  1.  Xustificante médico, no caso de enfermidade propia ou grave dun familiar de primeiro ou segundo grao.

No caso de faltas por indisposicións ou enfermidade:

 Se a ausencia comprende de 1 a 2 días ao mes, consecutivos ou non, presentarase xustificante por escrito dos pais, nais, titores/ as ou  gardadores legais.

 Cando a falta de asistencia ao centro educativo por visita médica ou por enfermidade sexa de máis de 2 días ao mes, a xustificación deberá estar apoiada polo xustificante/certificado médico correspondente.

 Considerarase falta xustificada por enfermidade prolongada a situación dos menores que se atopan convalecentes en domicilio ou hospitalizados por períodos superiores a un mes, e conste no centro educativo o informe médico correspondente.

 

2. Documento acreditativo, no caso de deberes inescusables, presentación a exames ou morte de familiares de primeiro ou segundo graos.

3. Calquera outro documento acreditativo da circunstancia que xustifique a ausencia.

Seguimento das faltas de asistencia a clase do alumnado e a súa comunicación

 O profesorado titor deberá comunicar ás nais, aos pais ou ás persoas titoras legais ou gardadoras do alumnado todas as faltas de asistencia a clase de cada mes, dentro dos primeiros cinco días naturais do mes seguinte e diferenciando as faltas xustificadas das non xustificadas.

Cando as faltas de asistencia a clase do alumnado presenten dificultades para a súa xustificación ou cando se incremente de forma significativa o número de faltas sen xustificar, o profesorado titor convocará a nai, o pai ou as persoas titoras legais ou gardadoras da alumna ou do alumno a unha reunión, coa finalidade de analizar a situación que se está a producir e tratar de corrixila, evitando que se produza a apertura do expediente de absentismo. Desa reunión levantará acta o profesorado titor.

Cada centro educativo establecerá nas súas normas de organización, funcionamento e convivencia o procedemento para realizar esas comunicacións ou citacións, así como a obrigatoriedade de deixar constancia de tales accións.

Definición de Absentismo

Tal como establece o artigo 22 do decreto 229/2011, do 7 de decembro, absentismo é a ausencia ao centro escolar sen causa debidamente xustificada do alumnado en idade de escolarización obrigatoria. Para ser considerado absentismo, esta ausencia debe supor un mínimo do dez por cento (10 %) do horario lectivo mensual.

 

EXCEPCIÓNS

Para os efectos do protocolo para a prevención e control do absentismo escolar e do número máximo de faltas de asistencia permitidas, as ausencias derivadas da aplicación das medidas COVID consideraranse sempre xustificadas, non sendo preciso o xustificante do facultativo para a súa acreditación.

 

IMPRESOS OBRIGATORIOS

 

Impreso para a xustificación de faltas

Impreso para a comunicación de ausencias prolongadas e/ou definitivas.

 

IMPORTANTE: A NON ENTREGA DOS IMPRESOS SERÁ MOTIVO DE NON XUSTIFICACIÓN DAS FALTAS

Distribuir contido