Curso 2017-18

NADAL 2017: PROPOSTA DE TRABALLO EN FAMILIA

Como xa todos sabedes, no presente curso estamos a desenvolver o proxecto: "AUGA, PEDRA, SABEDORÍA E TERRA". Dado que estamos promovendo os encontros interxeracionais, gustaríanos contar coa vosa axuda na seguinte actividade de Nadal. O traballo consiste en poñer nun bóla unha foto do neno/a ou da familia relacionado co Nadal, e decorar a bóla. Podedes utilizar calquera tipo de material:

lapis de cores e ceras  papeis de cores pastas
plastilina legumes botóns
 
témperas  papeis de revistas e xornais   teas
     
purpurina pompóns  lazos e cintas 

As bólas utilizaranse para decorar a entrada do colexio. Agradecemos que veñan recortadas e co nome do alumno/a por detrás. Grazas de antemán a todos pola vosa colaboración. A data tope para entregar os traballos é o 4 de decembro. 

No seguinte enlace podedes descargar o modelo de bóla:

- Modelo bóla para decorar cunha foto familiar de Nadal

 

 

 

 

 

 

DÍA INTERNACIONAL DO PATRIMONIO MUNDIAL

Cada 16 de novembro celébrase o DÍA INTERNACIONAL DO PATRIMONIO MUNDIAL, data na que se asinou, en 1972,  a acta da Convención para a Protección do Patrimonio Mundial Cultural e Natural, convención que sentaba as bases para desenvolver a protección de todos aqueles lugares da Terra cun valor universal excepcional e que por iso debían pertenecer ao patrimonio común da humanidade. A riqueza patrimonial pode ser de tipo Cultural (monumentos, conxuntos ou lugares cun valor extraordinario... dende o punto de vista da historia, arte, ciencia, antropoloxía ou etnoloxía), Natural (monumentos naturais, formacións xeolóxicas ou lugares excepcionais polas súas características estéticas, científicas, de conservación ou beleza natural) e Inmaterial ( festas, artes, tradicións que conforman o acervo cultural). 

Para conmemorar esta data no cole fixemos dúas actividades:

- A primeira delas consistiu nunha serie de charlas (unha por cada curso de primaria), sobre OS PARQUES NATURAIS DE GALICIA, parte do noso patrimonio natural, centrada principalmente nos Parques Naturais da provincia de Ourense: P.N. O Invernadeiro,  P.N. Baixa-Limia  Serra do Xurés e P.N. Serra da Enciña da Lastra. A charla estivo inpartida por Inma, uha integrante do grupo Sustinea, unha asosiación non lucrativa que se propón como obxectivos: 

"o estudo, a divulgación, defensa do Medioambiente e a promoción dun cambio posible e necesario, da relación do ser humano coa Natureza, actuando para promover un modelo sostible".

Inma, mediante unha presentación e dunha maneira moi amena, segundo o nivel dos nenos e nenas, foi explicandolles  que eran os Parques Naturais, cales eran os lugares da provincia de Ourense que ostentaban dita categoría, cales eran características básicas destes lugares, a súa flora e fauna, como podíamos protexelos e coidalos... Segundo o nivel dos alumnos, a relatora completou a charla con algún xogo e os nenos fixeron unha morea de preguntas. 

  

 - A segunda das actividades foi a realización da primeira exposición de fotos da riqueza cultural e natural do patrimonio da nosa contorna. Enmarcada dentro do noso proxecto "AUGA, PEDRA, SABEDORÍA E TERRA", co que queremos dar a coñecer e valorar os bens materiais, culturais e naturais da zona na que se atopa a noso centro, fíxose esta exposición despois de buscar e investigar polos distintos pobos. Así atopamos: fontes, lavadoiros, cruceiros, petroglifos, igrexas, pazos, muíños, un convento abandonado... ata un museo onde se recollen aparellos da labranza, ferramentas de distintos oficios...

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

       No seguinte enlace, ao blog de Voz Natura do cole, podedes ver máis ampliada esta información:

- AUGA, PEDRA, SABEDORÍA E TERRA

 

COLABORACIÓN COAS FAMILIAS

Nunha entrada anterior xa comentamos que estamos desenvolvendo o proxecto "AUGA, PEDRA, SABEDORÍA E TERRA", que aínda que nun principio naceu como o proxecto do programa VOZ NATURA, foi adoptado como proxecto documental integrado do centro para levar a cabo ao longo do presente curso. Entre as actividades que realizaremos, destacamos a celebración dos encontros que chamamos "ENCONTROS 4X" (ENCONTROS CATRO XERACIÓNS), nos cales pretendemos a convivencia e o intercambio interxeracional entre nenos/as, pais/nais, avós/avoas e bisavós/bisavoas. 

O pasado 20 de novembro con motivo da celebración do DÍA INTERNACIONAL DOS DEREITOS DOS NENOS,

tivemos a primeira destas actividades "CANDO FUN NENO/A":

avós e avoas de nenos do colexio e persoas maiores da RESIDENCIA FOGAR SAN AMARO, acudiron ao centro para explicarlles aos alumnos como viviron a súa infancia, os recordos que teñen dela, os seus xogos e xoguetes, como foi o seu paso pola escola, os seus traballos de pequenos, como era a súa vida en familia, que comían... Os nenos e nenas fixéronlles unha morea de preguntas e descubriron o diferente que era a súa propia infancia da que tiveron os seus avós ou bisavós, e de como foron evolucionando os dereitos dos nenos a través do tempo. 

Se premedes nos seguintes enlaces teredes máis información e imaxes sobre a actividade:

- Blog do Proxecto Voz Natura

- Blog da Biblioteca do centro 

Dende aquí queremos animar a pais/nais, avós/avoas, bisavós/bisavoas a que participen con nós nestes encontros, só tedes que anotarvos no centro en calquera das actividades que temos previstas ao longo do curso:

ENCONTROS 4X  DATA
CANTO Á VIDA  DÍA INTERNACIONAL DA ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA CONTRA A MULLER - 25 DE NOVEMBRO
ONDE AS MULLERES AÍNDA SOMOS MINORÍA 

 DÍA INTERNACIONAL DA MULLER 

8 DE MARZO 

AS TÉMPORAS

DÍA MUNDIAL DA METEOROLOXÍA

23 DE MARZO 

XOGANDO XUNTOS 

DÍA INTERNACIONAL DO DEPORTE 

6 DE ABRIL  

CONTO O QUE ME CONTARON

SEMANA DAS LETRAS GALEGAS

DO 14 AO 18 DE MAIO

CANDO O ALUMNO FALA DO MESTRE 
FAGO COUSAS COA NATUREZA
CAMIÑANDO XUNTOS

DÍA MUNDIAL DO MEDIO AMBIENTE

5 DE XUÑO

 

No seguinte enlace podedes descargar a ficha de inscrición que podedes enviar polos nenos. Logo, dende o centro, xa nos poremos en contacto con vós para concretar a actividade. Grazas de antemán a todos pola vosa colaboración: 

Ficha de inscrición

MAGOSTO 2017

O pasado venres, 10 de novembro, tivemos un tempo estupendo para celebrar o tradicional MAGOSTO no cole. Foi unha completa xornada onde non faltaron os xogos tradicionais, a comida típica destas datas (empanada, bolo preñado, refrescos...)  e como non... a fogueira e as castañas!!.

 E o remate esperado: tisnarse  cara e mans e correr parar tisnar aos demais...!! 

 

TEATRO: LABERINTO

O martes 7 de novembro, alumnos e alumnas de 5º e 6º de Educación Primaria acudiron ao Auditorio Municipal de Ourense para presenciar a obra teatral "LABERINTO" que creou e representou o grupo teatral "ZARÁNDULA, COMUNICACIÓN CULTURAL". 

A obra enmárcase dentro do programa de Educación Financeira de ABANCA- Obra Social. O obxectivo deste programa é o de transmitir aos nenos e nenas de entre 9 e 12 anos, a importancia dunha correcta xestión da economía no fogar e como as súas accións poden ter un papel fundamental para mellorar o aforro familiar. 

"Na obra represéntase unha semana na vida de Teo, un "preadolescente" que se atopa nun momento complicado da súa vida xa que se sinte maior pero segue sendo un neno. A historia desencadease cando o neno discute coa súa nai porque ela lle di que non lle vai dar máis cartos. A través da visión de mitos como o Teseo e o Minotauro, Ícaro e Hércules, acaba por chegar a un acordo coa súa nai sobre a súa paga e o aforro, entende que non está só e pode pedir axuda, e aprende a importancia de pensar antes de gastar, de tomar decisións e de deixarse axudar para xestionar o diñeiro". 

Así deste xeito divertido e ameno, a través das artes escénicas, os nenos aprenden conceptos básicos de economía e de xestión do diñeiro e vanse concienciando da necesidade de adoptar hábitos de consumo responsable, de acordo coas necesidades e os intereses. Tamén aprenden que as marcas non nos fan ser mellores persoas e que o diálogo é unha forma de afrontar as solucións de problemas complicados. 

 

 

 

 

PLAN DIRECTOR 2017-18

Un ano máis solicitamos a participación no PLAN DIRECTOR PARA A CONVIVENCIA E A MELLORA DA SEGURIDADE NOS CENTROS EDUCATIVOS E NOS SEUS CONTORNOS. Como xa temos informado en cursos anteriores, este plan impulsado pola Delegación do Goberno en Galicia e a Alta Inspección de Educación en colaboración coas Forzas de Seguridade do Estado, ten como fin facilitar aos centros escolares unha serie de charlas e actuacións encamiñadas a dar respostas coordinadas e eficaces a todas as cuestións relacionadas coa seguridade dos alumnos nos centros educativos e nos seus arredores, fortalecendo a cooperación policial coas autoridades educativas e mellorando o coñecemento que a poboación escolar posúe sobre os recursos policiais. Así mesmo preténdese fomentar nos nenos e nenas o respecto polos dereitos fundamentais. 

Así, o pasado 7 de novembro, unha axente da policía nacional veu dar unha charla ao centro aos alumnos e alumnas de 5º e 6º de primaria. Esta baseouse en dous temas principais: o acoso escolar e as novas tecnoloxías. Despois da presentación do tema por parte da axente e o visionado dalgún vídeo, abriuse un debate onde os nenos plantexaron as súas dúbidas e preguntas sobre estes dous temas tan de actualidade. Entre os consellos que a axente lles manifestou, destacamos os seguintes (e que tamén podedes ver máis ampliados no seguinte enlace):

- PLAN DIRECTOR: CONSELLOS  (enlace páxina Ministerio do Interior)

O NOSO PLAN É FACER DO TEU CENTRO ESCOLAR UN CONTORNO SEGURO PARA TODOS, PERO PARA ISO NECESITAMOS QUE TI PARTICIPES:
  • Se queres que os demais te respecten, comeza respectando ti aos demais.
  • Respecta aos teus pais e profesores.
  • Respecta aos teus compañeiros, a súa dignidade e as súas diferenzas.
  • Respecta o teu contorno.
  • Pero, sobre todo, respéctate a tí mesmo.

CONTRA O ACOSO ESCOLAR:

  • Fomenta a amizade.
  • Establece límites claros nas relacións cos teus compañeiros.
  • A intolerencia e o racismo son tamén formas de maltrato. Non permitas que a túa dignidade sexa atacada por estas causas, nin ofendas a ninguén polos seus valores culturais ou relixiosos. Todos somos diferentes e os nosos trazos físicos, a nosa forma de vestir e os nosos gustos deben ser respectados.

INTERNET E REDES SOCIAIS:

  • Ten especial coidado coas fotos, vídeos ou outros contidos que compartas en Internet.
  • Facerse fotos de caracter erótico e compartilas é sempre un erro e pode dar lugar a chantaxe a ciberacoso.
  • A pornografía infantil é un delito.
  • Avisa aos teus pais se detectas contidos perigosos ou situacións estrañas. Tamén podes acodir ás forzas de seguridade nas redes sociais.
  • Non facilites nunca datos persoais a descoñecidos ou a través das redes sociais.
  • Antes de quedar cunha persoa que coñeciches a través de Internet consúltao cos teus pais.
  • Nas redes sociais non estamos obrigados a recoñecer como amigo a quenes non queiramos. 

Se premedes nas seguintes imaxes podedes enlazar coa presentación dalgunha das imaxes do desenvolvemento desta charla/coloquio: 

CONCERTO DIDÁCTICO: OS SUPERHÉRCULES

O pasado 6 de novembro, alumnos e alumnas de 4º de Educación Primaria acudiron ao Auditorio Municipal de Ourense a presenciar o concerto didáctico "OS SUPERHÉRCULES", interpretado polo quinteto musical "HÉRCULES BRASS"

"OS SUPERHÉRCULES é un espectáculo didáctico musical que pretende achegar aos máis novos os instrumentos de vento metal, trompeta, trompa, trombón e tuba. Unha historia de superheroes é unha maneira fantásticapara transmitir os obxectivos establecidos, aprender a gozar e valorar un concerto en directo, familiarizarse conconceptos musicais como a melodía, o ritmo e a harmonía; e distinguir o son dos diferentes instrumentos."

OS SUPERHÉRCULES conta a historia de cinco rapaces que xogaban plácidamente na súa casa no ano 2268. Revolvendo no trasteiro atopan unha caixa misteriosa que cambiará as súas vidas, transformándoos en superheroes. A partires dese momento son os elixidos para recuperar os elementos que forman a música. Para completar a súa misión, os protagonistas viaxarán no espacio e no tempo, resolvendo conflictos de todo tipo co seu inxenio e o traballo en equipo.

A partir desta historia tan entretida, os nenos aprenderon a recoñecer os diferentes instrumentos da familia do vento e a gozar coa música en directo. 

 

VOZ NATURA 2017-18

Por cuarto ano consecutivo somos uns dos centros participantes no programa de educación ambiental VOZ NATURA, programa que dende fai 21 anos ven desenvolvendo en Galicia a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre e cuxo obxectivo principal é concienciar e implicar á comunidade escolar de Galicia na recuperación e defensa da natureza. 

O lema desta 21ª edición é "A NATUREZA FORMA PARTE DA TÚA IDENTIDADE -- COÍDAA --" e aínda que poden desenvolverse calquera tipo de proxectos de acción directa sobre o medioambiente, "Voz Natura dará especial protagonismo ás actividades relacionadas coa preservación e coidado do patrimonio etnográfico. Proponse aos participantes que, xunto con outras accións directas no medio, como a protección dos espazos naturais, inclúan nos seus proxectos ambientais propostas orientadas a protexer bens materiais —fontes, lavadoiros, pontes, muíños, etc.— ou inmateriais como tradicións e costumes relacionadas coa natureza e que sexan representativas da cultura e modos de vida da nosa sociedade." (sinopse extraída da páxina web oficial do programa).

"AUGA, PEDRA, SABEDORÍA E TERRA", é o título do proxecto que desenvolvemos no noso centro a partir da proposta anterior e do que destacamos, entre outros, os seguintes obxectivos:

  • Coñecer e valorar positivamente os bens materiais, culturais e naturais  da zona  na que se atopa o noso centro  (a Costiña de Canedo,  as pozas do muíño da Veiga, as burgas de Canedo, o mosteiro de Santa Comba de Naves, as fontes, os cruceiros, os pazos , os petos de ánimas, as  igrexas, os contos, as lendas, os refráns, os ditos populares, as festas tradicionais, as técnicas de cultivo,  as témporas, o clima……..).
  • Descubrir  e levar a práctica os costumes tradicionais relacionados cos cultivos, coa  agricultura ecolóxica e coas prácticas sostibles no noso agro.
  • Coñecer, respectar, e valorar as diferentes fontes de sabedoría.

Todas as actividades que iremos realizando ao longo do curso (aínda que as veces faremos referencia a elas nesta páxina web) podedes coñecelas a través do blog do noso proxecto, blog, que como cada curso, cambia de logo e de nome de acordo co título do proxecto:

 (Preme na imaxe para acceder ao blog)

SAMAÍN- HALLOWEEN 2017

 

 

 

Un ano máis celebramos no cole a "terrorífica" festividade de SAMAÍN - HALLOWEEN con diversas actividades. Ademais de traballar en cada aula sobre o significado e os costumes típicos destas datas, destacamos a realización das seguintes actividades:  o xa tradicional obradoiro de cabazas na biblioteca do centro e a posterior exposición na entrada do colexio, a decoración de portas e corredores; unha nova edición do Concurso de Contos de Medo (este ano coa variante de recopilación de lendas propias da zona e/ou a escritura de contos tendo como protagonistas personaxes e lugares da nosa contorna).  Exposición de libros de medo (tamén na biblioteca), manualidades con materiais de refugallo: pantasmas con rolos de papel hixiénico, arañas con cartóns de ovos, pantasmas pintados sobre pedras... diademas con caveiras e arañas, bruxas voadoras con caras "sorprendetes" e cabazas moi "sorrintes", móbiles...  foron outras das manualidades realizadas. Destacar tamén o mural de HALLOWEEN realizado a partir de mans "monstruosas" e os disfraces dos nenos e nenas de 5 anos que compaxinaron o traballo que están realizando sobre a artista Frida Kahlo coa festa do Samaín. 

Na seguinte presentación tedes unha pequena mostra de todo: 

 

TEATRO: RUBICUNDO

O pasado 30 de outubro, alumnos e alumnas de 3º e 4º de primaria acudiron ao Auditorio Municipal de Ourense para presenciar o espectáculo teatral: RUBICUNDO, representado polo grupo TEATRO DOS GHAZAFELHOS. 

A obra, basada no libro RUBICUNDO, escrito por María Canosa, conta como "Tódalas noites, Rubicundo sae na súa bicicleta enriba da árbore do seu xardín rumbo á noite pecha.  Semella que ninguén repara nesta personaxe, enfundada nun gabán e sombreiro de copa. Ninguén agás Erea. Disposta a chegar ate o fin daquel misterio… Pois así era esta rapaza… curiosa e soñadora…

Rubicundo cóntanos unha fermosa historia sobre a amizade, a constancia e a poesía, abríndonos a posibilidade de perseguir os nosos soños sen sentir límites nin distancias…" (sinopse extraída da páxina web oficial da compañía Ghazafelhos). 

O grupo teatral Ghazafelhos fundouse no ano 2006 en Narón e está formado por tres actores: Pepablo Patinho, Montse Piñón e Jorge Casas. Iniciáronse con pequenas obras de títeres, contacontos e teatro de rúa e en pouco tempo, consolidáronse como unha das compañías galegas de referencia para o público familiar. 

Nesta obra cantan, bailan, interactúan con obxectos, con títeres ... cunha posta en escena chea de sorpresas e de música que foi moi do agrado de todos os alumnos e alumnas que asistiron á representación. 

Powered by Drupal - Design by artinet