VOZ NATURA 2017-18

Por cuarto ano consecutivo somos uns dos centros participantes no programa de educación ambiental VOZ NATURA, programa que dende fai 21 anos ven desenvolvendo en Galicia a Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre e cuxo obxectivo principal é concienciar e implicar á comunidade escolar de Galicia na recuperación e defensa da natureza. 

O lema desta 21ª edición é "A NATUREZA FORMA PARTE DA TÚA IDENTIDADE -- COÍDAA --" e aínda que poden desenvolverse calquera tipo de proxectos de acción directa sobre o medioambiente, "Voz Natura dará especial protagonismo ás actividades relacionadas coa preservación e coidado do patrimonio etnográfico. Proponse aos participantes que, xunto con outras accións directas no medio, como a protección dos espazos naturais, inclúan nos seus proxectos ambientais propostas orientadas a protexer bens materiais —fontes, lavadoiros, pontes, muíños, etc.— ou inmateriais como tradicións e costumes relacionadas coa natureza e que sexan representativas da cultura e modos de vida da nosa sociedade." (sinopse extraída da páxina web oficial do programa).

"AUGA, PEDRA, SABEDORÍA E TERRA", é o título do proxecto que desenvolvemos no noso centro a partir da proposta anterior e do que destacamos, entre outros, os seguintes obxectivos:

  • Coñecer e valorar positivamente os bens materiais, culturais e naturais  da zona  na que se atopa o noso centro  (a Costiña de Canedo,  as pozas do muíño da Veiga, as burgas de Canedo, o mosteiro de Santa Comba de Naves, as fontes, os cruceiros, os pazos , os petos de ánimas, as  igrexas, os contos, as lendas, os refráns, os ditos populares, as festas tradicionais, as técnicas de cultivo,  as témporas, o clima……..).
  • Descubrir  e levar a práctica os costumes tradicionais relacionados cos cultivos, coa  agricultura ecolóxica e coas prácticas sostibles no noso agro.
  • Coñecer, respectar, e valorar as diferentes fontes de sabedoría.

Todas as actividades que iremos realizando ao longo do curso (aínda que as veces faremos referencia a elas nesta páxina web) podedes coñecelas a través do blog do noso proxecto, blog, que como cada curso, cambia de logo e de nome de acordo co título do proxecto:

 (Preme na imaxe para acceder ao blog)

Powered by Drupal - Design by artinet