LETRAS GALEGAS 2018

O pasado 16 de maio un ano máis celebramos cun festival o remate das actividades que con motivo do DÍA DAS LETRAS GALEGAS  estivemos realizando ao longo deste mes. Participaron todos os niveis e cursos con cancións, bailes, representacións teatrais, ou recitados, nesta xornada festiva que compartimos todos xuntos con ilusión e ledicia.

(Premede en cada pequeno corazón para visualizar as distintas presentacións de imaxes)

VISITA Á CASA DO PATRÓN

O pasado martes, 16 de maio, todos os alumnos e alumnas de Educación Infantil foron de excursión a Doade (Lalín) para visitar "A CASA DO PATRÓN", un museo etnográfico onde realizaron unha serie de actividades relacionadas con oficios artesanais, visitaron as instalacións do museo e tamén viron o antigo castro de Doade, onde actualmente se están realizando excavacións. Na seguinte presentación podedes ver como pasaron a xornada os máis pequenos do cole.

 

(Premede nos pequenos círculos para visualizar as imaxes)

AVALIACIÓN INDIVIDUALIZADA DE 3º DE PRIMARIA

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada pola Lei orgánica 8/2013, do 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa, establece no seu artigo 20.3 que os centros docentes realizarán unha avaliación individualizada a todos os alumnos e alumnas ao finalizar o terceiro curso de educación primaria. Esta avaliación ten como finalidade comprobar o grao de dominio das destrezas, capacidades e habilidades do alumnado en expresión e comprensión oral e escrita, cálculo e resolución de problemas en relación coa adquisición da competencia en comunicación lingüística e da competencia matemática.

As avaliacións individualizadas de terceiro curso de educación primaria  teñen carácter informativo e orientador para os alumnos e alumnas e familias, equipos docentes, centros e Administración educativa. Complementan a información que reciben e orientan a toma de decisións na elaboración de plans de mellora.

O pasado xoves, 26 de abril, saiu publicado no Diario Oficial de Galicia a Resolución pola que se ditan instrucións para o desenvolvemento da avaliación individualizada de terceiro curso de educación primaria.

Achégase enlace:

RESOLUCIÓN do 10 de abril de 2018, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se ditan instrucións para o desenvolvemento da avaliación individualizada de terceiro curso de educación primaria nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia para o curso 2017/8. 

Segundo as citadas instrucións as probas realizaranse os vindeiros 23 e 24 de maio.

 

 

MATRÍCULA CURSO 2018-19

Premede na seguinte imaxe para acceder á lista definitiva de admitidos para o vindeiro curso 2018-19. Recordamos a todos que do 20 ao 30 de xuño tedes que pasar polo centro para formalizar a matrícula.

II CONCURSO FOTOGRAFÍA A METEOROLOXÍA

Xa temos aquí o resultado da segunda edición do noso concurso "FOTOGRAFÍA  A METEOROLOXÍA".

Recordamos que segundo as bases da convocatoria, as fotografías debían amosar distintos FENÓMENOS METEOROLÓXICOS (chuvia, nubes, arco da vella, neve, néboa, sarabia, treboadas, raios etc.) cun ou varios elementos do PATRIMONIO MATERIAL DA NOSA ZONA XEOGRÁFICA (enlazando así co proxecto que levamos a cabo este curso sobre o noso patrimonio material e inmaterial).

Destacamos a calidade dos traballos presentados e así mesmo agradecemos a todos a súa participación.

 A foto gañadora e as finalistas son:

1º PREMIO - "Sol e sombra nos muíños do Folón" Antía Conde Pérez de 2º de EP.

Finalistas:

"Agardando a treboada" Xián Almeida López de 6º EI

" A promesa a Noé" - Iria Iglesias González de 5º EI

"Remembranza invernal Ourense" - Sofía J. Serrano González - 5º de EI 

Na seguinte presentación podedes ver a foto gañadora, as finalistas e todas as presentadas:


No festival que realizaremos con motivo da celebración do DÍA DAS LETRAS GALEGAS, entregaremos os premios aos gañadores e tamén un agasallo a todos os participantes. 

 

VISITA A METEOGALICIA E O PARLAMENTO GALEGO

UN MARTES METEOROLÓXICO!!                                     O martes 8 de maio amenceu cuberto de estratos de ilusión e nervios na cidade de Ourense. O alumnado de 4º e 5º de primaria cos profes do centro, e os nosos compañeiros do CEE O PINO, almorzamos cedo para iniciar unha pequena viaxe á capital de Galicia.

Unha néboa mesta de sorrisos acompañounos no autobús polo alto de San Martiño. Chegamos puntuais e fresquiños á nosa primeira parada: a sede de Meteogalicia!! Alí comezamos co lanzamento dunha radiosondaxe á estratosfera. Quedamos anubrados!!                                                

Logo disto, tivemos unha interesante xornada de formación sobre os meteoros máis habituais, os tipos e formación das nubes, o ciclo da auga e sobre como se forman as tormentas. Non quitamos ollo e respostamos moitas inquedanzas!.     

Tamén nos ensinaron diferentes instrumentos de medida das variables meteorolóxicas.               Fomos testemuñas de como funciona unha sala de predición e de onde se extraen os datos para facer as predicións que lemos todos os días nos xornais.

Con todo este orballo de datos meteorolóxicos, mentres o sol tentaba facerse camiño entre os estratos do ceo, encamiñámonos cara a segunda parada: o Parlamento de Galicia.

Alí o noso guía acompañounos pola Sala dos Reis, as bibliotecas, as salas onde se reúnen os grupos parlamentarios e por suposto a Sala de Plenos. Houbo unha chuvia intensa de datos e máis datos moi interesantes. Na sala de plenos tivemos unha gran sorpresa: un saúdo personalizado do mesmísimo presidente da Cámara!

Tamén tivemos unha visita dun deputado que nos explicou en que consistía o traballo dos parlamentarios.
Cheos de información e emoción no corpo (e tamén unhas pingas de fame) encamiñámonos cara a Alameda de Santiago, onde o sol xa quentaba. 
Xa pola tarde, cos estómagos cheos, paseamos coma un brisa suave polo belo Casco Vello da cidade, chegando á praza do Obradoiro e á praza de Praterías onde moitos descubrimos por primeira vez a Catedral!
Así, chegamos á fin desta experiencia que pasou rápida coma un raio. Xa estamos agardando a seguinte! 

 

Na páxina web de METEOGALICIA fixéronse eco, a través de twitter, da nosa visita:

 

MAIO 2018

MENÚ XERAL MAIO                                                            

  Preme nos enlaces para consultar os menús especiais:

- Menú sen glute maio

- Menú sen ovo maio

- Menú sen leite maio

- Menú hipocalórico maio

   (Premer na imaxe para visualizalo a maior tamaño)

AQUALOXÍA

Os alumnos e as alumnas de 3º de primaria realizaron no centro o pasado 27 de abril un taller práctico sobre a auga denominado "AQUALOXÍA", taller promovido por VIAQUA en colaboración co Concello de Ourense. 

O obxectivo desta actividade é o de concienciar aos rapaces e rapazas sobre a importancia do medio ambiente e da auga. Da man de dous monitores coñeceron o proceso que segue a auga nas cidades mediante recursos dixitais e interactivos.

Primeiramente nun vídeo coñeceron a Minerva, Qualo, Vitrubio, Clara e Salvador (personaxes de debuxos animados) que lles foron explicando o ciclo natural da auga e o seu ciclo urbán: a súa potabilización, a distribución, a depuración... ao mesmo tempo os nenos e nenas foron realizando xogos, actividades prácticas e experimentos: como analizar e limpar a auga, como facer que chegue ás casas...

 "Os principios pedagóxicos nos que se fundamenta Aqualogía baséanse en metodoloxías didácticas que posibilitan a educación urbana dos máis pequenos. Ademais de achegar aos estudantes o coñecemento dos ciclos natural e urbano da auga, a través de material audiovisual, de experimentos prácticos e xogos, este programa didáctico trata de potenciar a participación e interacción dos alumnos." (sinopse extraída da páxina de educación (programas) do Concello de Ourense). 

Ao final os alumnos recibiron un diploma pola súa participación neste taller que para eles resultou moi divertido e motivador polo seu carácter tan interactivo e práctico.

 

 

DÍA DA SOLIDARIEDADE INTERXERACIONAL

Dende o ano 2009 cada 29 de abril celebrase o DÍA EUROPEO DA SOLIDARIEDADE E COOPERACIÓN ENTRE XERACIÓNS co obxectivo de sensibilizar e dar impulso ás relacións interxeracionais como factor potenciador dunha maneira de envellecer activa e positiva. Unha iniciativa que pretende animar á sociedade a replantexarse o concepto de solidariedade interxeracional, e ensalzar as oportunidades que ofrece á hora de promover a cooperación mutua e a interacción xeracional entre xoves e maiores para compartir habilidades, valores e experiencias. 

 

Existen unha serie de beneficios que a convivencia interxeracional proporciona ás persoas maiores e algúns deles son que:

- Produce benestar físico, psicolóxico, emocional e social.

- Propicia a percepción e valora formas de vida distintas da propia. 

- Potencia a súa participación social e conectan co presente. 

- Fomenta o interese por aprender e estimulan a capacidade de aprendizaxe. 

- Aumenta as relacións sociais e disminúen as situacións de illamento e soidade. 

- Posibilita a transmisión da cultura e das tradicións ás novas xeracións. 

- Fai que a vida cotiá das persoas maiores sexa máis dinámica. 

Conscientes do gran valor que representan estas relacións tanto para os maiores coma para os máis pequenos, con motivo desta celebración promovemos un encontro entre xeracións facendo unha nova visita ao Centro Residencial de Maiores de San Amaro, alí vivimos o 27 de abril unha nova experiencia integradora. 

Premede nas seguintes imaxes para enlazar co blog do proxecto "Pedra, Auga, Sabedoría e Terra" onde tedes toda a información sobre este encontro:

 

SEMANA DO LIBRO

Con motivo da celebración do DÍA MUNDIAL DO LIBRO E DOS DEREITOS DE AUTOR (celébrase todos os anos o 23 de abril), un ano máis no centro realizamos diversas actividades ao longo da semana do 23 ao 27 de abril para conmemorar esta data. Destacamos especialmente tres:

EXPOSICIÓN DE LIBROS ANTIGOS 
V APADRIÑAMENTO LECTOR 
LENDO XUNTOS: TESOUROS DE PAPEL 

No seguinte enlace ao blog da biblioteca escolar tedes toda a información:

- ACTIVIDADES DA SEMANA DO LIBRO 

Powered by Drupal - Design by artinet