CONCURSO DE FOTOGRAFÍA

Un ano máis seguimos apostando polo proxecto de MeteoEscolas e xa temos aquí a nova convocatoria do concurso de fotografía, MOITO OLLO... AO METEORO! este ano cunha novidade: faremos tres convocatorias ao longo do curso, unha por cada estación do ano (outono, inverno e primavera). Con elas pretendemos que os nenos/as se fixen nos cambios da paisaxe ao longo de cada estación. Podedes consultar as bases no seguinte cartel. 

 

 Animádevos a participar! 

ELECCIÓNS CONSELLO ESCOLAR 2018/19

Este curso, e tal e como marca a normativa vixente, procederase á renovación parcial dos membros do Consello Escolar do centro.

Unha vez realizado o sorteo e xa designadas as persoas que forman parte da xunta electoral, estas xa fixeron  público o calendario polo que se rexirá este proceso. Calendario que podedes consultar picando no seguinte enlace:

CALENDARIO ELECCIÓNS CONSELLO ESCOLAR 

 

Segundo este calendario,  xa está aberto o prazo para presentar as candidaturas de cada sector (do 08 ao 14 de novembro). Animámos a todos os pais e nais a que presenten a súa candidatura. É importante que os pais e nais estedes representados no Consello Escolar para estar informados de todo o que sucede no centro e contribuír a un mellor funcionamento do mesmo coas vosas propostas.

 

CHARLAS SOBRE INCENDIOS FORESTAIS

Dentro do proxecto de VOZ NATURA, desenvolveuse esta semana, concretamente o 7 de novembro, unha actividade moi interesante: unhas charlas centradas principalmente nos incendios forestais e nas consecuencias para os nosos bosques e a nosa vida. Charlas efectuadas en dúas sesións: unha para o alumnado de 5º e 6º e outra para os nenos e nenas de 3º e 4º de primaria, na que ademais de atender á exposición do poñente, fixeron un montón de preguntas sobre o tema e explicaron tamén as súas vivencias con relación ao mesmo. 

Se premedes na seguinte imaxe teredes máis información no blog de VOZ NATURA "Entre salgueiros, bidueiros e carballos":

 

SAMAÍN- HALLOWEEN 2018

Un ano máis chegou a esperada celebración do SAMAÍN-HALLOWEEN ao colexio e, coma en cursos anteriores, realizamos diversas actividades:  o xa tradicional obradoiro de cabazas que organiza o Equipo da Biblioteca Escolar, cabazas que unha vez rematadas se expuseron na entrada do centro. A decoración de portas e corredores con murais e cos diversos traballos que se realizaron nas aulas; bruxas, cabazas, morcegos, arañas, pantasmas  e  monstros foron os motivos principais. Os materiais empregados foron tamén variados: con materias reciclados fixéronse pantasmas con vasos de plástico que se utilizaron nas merendas, arañas con oveiras de cartón, mouchos con pratos tamén de cartón, árbores con papel enrugado.. Tamén houbo a tradicional exposición de libros sobre a temática desta celebración e o concurso de contos de medo, que este ano os nenos e nenas tiveron que ambientar no bosque do Falán (que visitaron recientemente os rapaces e rapazas de 5º e 6º como xa publicamos nunha anterior nova).    

 

 

PROXECTO EDUCATIVO DE CENTRO

Xa podedes consultar o PROXECTO EDUCATIVO DO CENTRO actualizado á normativa en vigor:

(Premede na imaxe para acceder ao documento)

DÍA DAS BIBLIOTECAS 2018-19

O pasado 24 de outubro, un ano máis celebramos no centro o DÍA DA BIBLIOTECA cunha serie de actividades programadas polo Equipo de Dinamización da Biblioteca. Entre elas, unha representación con teatriño de monicreques que realizaron os alumnos e alumnas de 4º B para todo o alumnado de infantil. 

Premede na seguinte imaxe para obter máis información sobre as actividades realizadas. 

E no seguinte enlace tamén podedes coñecer o significado desta conmemoración anual:

- DÍA DA BIBLIOTECA 

 

RUÍNAS, BOSQUES, HISTORIAS E MUSEOS

O martes, 16 de outubro, fixemos a primeira saída do actual curso, saída que compartimos con algunha das persoas maiores que integran o Centro Residencial de San Amaro e na que participaron os alumnos e alumnas de 5º e 6º de primaria  acompañados polos seus titores e outro profesorado do centro. Foi unha saída onde combinamos a historia coa paisaxe: visitamos as ruínas do convento de Santa Comba de Naves e a súa capela, paseamos polo fermoso bosque de Falán, rematamos no pobo da Conchada coa visita dos interesantes museos-etnográficos de Elías e contamos coa presenza de alguén que nos fixo volver a tempos pasados...

Se queredes coñecer máis como se desenvolveu esta actividade facede click na imaxe para ver a nova no blog do proxecto Voz Natura do centro:

VOZ NATURA 2018-19

Por quinto ano consecutivo somos un dos centros participantes no programa de educación ambiental VOZ NATURA, programa que dende fai 22 anos ven desenvolvendo en Galicia a fundación Santiago Rey Fernández-Latorre e cuxo obxectivo principal e concienciar e implicar á comunidade escolar de Galicia na recuperación e defensa da natureza. 

O lema desta 22ª edición é: "SOMOS ÚNICOS POR ALGO ÚNICO: O NOSO MONTE", e aínda que poden desenvolverse calquera tipo de proxectos de acción directa sobre o medioambiente... VOZ NATURA dará especial protagonismo  á preservación e coidado dos montes: protección, recuperación e posta en valor da riqueza dos montes e bosques galegos, conservación da súa biodiversidade e sensibilización social sobre a problemática dos incendios forestais (sinopse extraída da páxina web oficial do programa).

 

  "ENTRE SALGUEIROS, BIDUEIROS E CARBALLOS" é o título do proxecto que desenvolveremos no noso centro a partir da proposta anterior e co que queremos descubrir a importancia que teñen os bosques autóctonos. Os bosques que están baseados en árbores propias desta terra, daquelas especies que, ao longo de séculos, foron capaces de adaptarse mellor ás condicións de acidez do noso chan, á nosa humidade e pluviosidade, á temperatura e aos ventos, e aos perfís das nosas vellas montañas. Coma todos os anos, tamén continuaremos coas actividades do horto escolar e "escola ponte guapa".

Todas as actividades que iremos realizando ao longo do curso (aínda que ás veces faremos referencia a elas nesta páxina web) podedes coñecelas a través do blog do noso proxecto, blog, que como cada curso, cambia de logo e nome de acordo co título de dito proxecto: 

 

Aquí tedes o primeiro comunicado para as familias con información sobre o proxecto. Esperamos contar coa vosa colaboración:

 

ACTIVIDADES EXTRAESCOLARES

Aquí tedes o listado final das activivades de despois de xantar:

 

ACTIVIDADES EXTRAESCOLARES CURSO 2018-19

Xa está aberto o prazo para anotarse nas actividades extraescolares do presente curso 2018/19. A maioría das actividades son organizadas pola ANPA do centro. Coma todos os anos realizaranse (agás a actividade de natación) despois da hora de xantar e estarán atendidas polos monitores que imparten as actividades e polos pais/nais que atenden o servizo de comedor escolar. Ás actividades xa impartidas en cursos anteriores (inglés, pintura, baile moderno, fútbol, ludoteca, biblioteca, xadrez, ecopatrulla...) destacamos a incorporación de novas actividades como son "atletismo", "zumba", "experimentos científico-artísticos" e "capoeira".   

Premendo na seguinte imaxe podedes visualizar e descargar o cadro de actividades e a ficha de inscrición nas mesmas.

Powered by Drupal - Design by artinet