XORNADA DE PORTAS ABERTAS

Comezado o proceso de admisión e matrícula para o vindeiro curso 2019-20 coa reserva de praza para o alumnado de 6º de primaria no instituto ao que está adscrito o noso centro. O vindeiro 1 de marzo abrirase o plazo para o novo alumnado que desexe cursar os seus estudos no noso colexio. Para que podades coñecernos mellor, as nosas instalacións, os proxectos que levamos a cabo, o servizo de comedor e transporte escolar, as actividades complementarias e extraescolares e podades preguntar e consultar calquera dúbida que teñades, invitámosvos a acudir ao centro o vindeiro martes, 19 de febreiro ás 18:00 horas. ESPERÁMOSVOS!!!

PREVENCIÓN DE INCENDIOS FORESTAIS

O pasado 12 de febreiro un axente do servizo de SEPRONA (Servizo de Protección da Natureza) estivo no noso centro para impartir unhas charlas sobre a prevención de incendios forestais. Alumnos e alumnas de 1º e 2º de primaria (nunha primeira sesión)  e o alumnado de 4º de primaria (nunha segunda charla), participaron nestas charlas que son promovidas dentro do programa VOZ NATURA. Os obxectivos destas charlas son, en primeiro lugar, que os nenos e nenas coñezan que é a garda civil e que é o seu servizo de protección da natureza (SEPRONA); en segundo lugar, que coñezan como se poden previr os incendios forestais.

Explícanlles como traballan no seu labor continuo de protección do medioambiente e logo as charlas céntranse na loita contra os incendios forestais: as causas dos mesmos, as súas consecuencias, como podemos previlos e por último como debemos actuar ante un incendio, tamén o que non hai que facer nunca. Todo isto acompañado dunha presentación e con intervencións por parte dos nenos e nenas que non deixaron de facer preguntas e contar as súas experiencias sobre este grave problema da nosa contorna. 

SAÍMOS NO XORNAL

O pasado mércores, 6 de febreiro, saímos no xornal!!! No suplemento XORNAL ESCOLAR do xornal LA REGIÓN,  fíxéronse eco das actividades que realizamos con motivo da celebración do DÍA da PAZ e do DÍA da EDUCACIÓN AMBIENTAL, algunha das cales xa vos contamos nunha anterior entrada.  

XORNADA DE PORTAS ABERTAS NO IES EDUARDO BLANCO AMOR

Como xa sabedes, dende o pasado curso, o IES EDUARDO BLANCO AMOR é o instituto ao que está adscrito o noso centro, é dicir, é o instituto que lles corresponde por zona aos alumnos e alumnas que rematan 6º de primaria no noso colexio.

Para que todos podades coñecer as súas instalacións, o seu plan de estudos, proxectos, actividades... dende o citado instituto, o seu director invítavos a unha xornada de portas abertas o vindeiro 13 de febreiro ás 20:00 horas. Todos os pais, nais e/ou titores legais dos rapaces e rapazas de 6º de primaria estades invitados a asistir.

 

 E recordade que o vindeiro 15 de febreiro remata o prazo para facer a reserva de admisión se queredes que os vovos fillos e fillas continúen os seus estudos de secundaria no IES E. BLANCO AMOR. 

III CONCURSO FOTOGRAFÍA A METEOROLOXÍA: O INVERNO

Xa podedes consultar no documento adxunto as bases do III CONCURSO FOTOGRAFÍA A METEOROLOXÍA: O INVERNO. Recordade que este curso o noso concurso anual de fotografía ten tres edicións: unha xa celebrada, a correspondente ao outono, a presente, dedicada a fotografar a natureza no inverno e haberá unha terceira edición adicada á primavera.

 

OBSERVADE OS CAMBIOS QUE SE PRODUCEN AO NOSO REDOR NO INVERNO E FOTOGRAFADE AQUILO QUE MÁIS VOS GUSTE OU VOS CHAME A ATENCIÓN DESTA ESTACIÓN. ANIMÁDEVOS E PARTICIPADE!!!

 

DÍA DA NON-VIOLENCIA E DA PAZ 2019

Na semana do 28 de xaneiro ao 01 de febreiro celebramos no colexio diversas actividades con motivo da celebración o 30 de xaneiro do DÍA ESCOLAR DA NON-VIOLENCIA E DA PAZ, data na que se conmemora a morte do líder pacificista MAHATMA GANDHI. Pretendemos que os nenos e nenas aprendan valores como protección, coidado, solidariedade, diálogo, comprensión, non-discriminación, cooperación ... en contra da cultura imperante da violencia, da discriminación, da forza, do despilfarro, da explotación... 

En consonancia cos proxectos que se levan a cabo no centro (Proxecto Anual: "Entre salgueiros, bidueiros e carballos" e o programa de MeteoEscolas), este ano centrámonos máis en concreto no coidado e defensa das árbores e da natureza. A contaminación, os incendios... están provocando o cambio climático; a explotación indiscriminada da natureza e os recursos, está provocando as guerras nos países máis pobres... e todo isto rematará por acabar coa vida que sustentan a auga, as árbores e os bosques. 

Despois de traballar nas aulas estes valores, destacamos algunha das actividades realizadas en común:

PARAUGAS  DA PAZ - Realizamos  mensaxes pedindo a paz no mundo, desexando que esta  "caiga"  en forma de choiva (aludindo á importancia que ten a auga na vida). 

A ÁRBORE DA PAZ - tamén colgamos mensaxes na árbore da entrada do centro, árbore que representa a natureza e o coidado dos nosos bosques. 

 

 REALIZACIÓN DE MURAIS- En diferentes aulas realizáronse outros murais sobre a paz: nun deles, realizado polos nenos e nenas de 5 anos, destacan a figura de WANGARI MAATHAI, defensora dos bosques e dun mundo sostible; primeira muller africana en recibir o premio Nobel da Paz. Os pequenos e pequenas de 4 anos, decoraron a famosa pomba de Picasso... 

 

TEATRO: O BOSQUE DA PAZ- Alumnos e alumnas de 4º de primaria puxeron en escena para todos os seus compañeiros  (en dúas sesións: unha para o alumnado de infantil, e outra para o alumnado de primaria) a obra O BOSQUE DA PAZ. Obra, onde ademais de falar do coidado das árbores e da natureza, presentanos unha situación onde vemos como podemos resolver os conflitos de forma pacífica, usando a intelixencia e non a violencia. 

  

 

BAILAMOS E CANTAMOS- celebramos un pequeno acto conxunto (que por culpa do mal tempo tivemos que facer en dous turnos no salón de actos do colexio), comezando coa lectura dun manifesto en defensa da paz, realizado polos alumnos e alumnas de 6º de primaria. Logo cantamos e bailamos tres cancións: "REDUCIR, REUTILIZAR E RECICLAR", "BAILEMOS XUNTOS" e "PAZ, PAZ", vivindo unha vez máis a ledicia de sentirnos xuntos contaxiándonos dun sentimento común de cariño e felicidade.  

 

 

 

 

TEATRO EN INGLÉS: TARZÁN

 Os alumnos e alumnas de 5º e 6º de Educación Primaria presenciaron, o pasado mércores, 30 de xaneiro, no Auditorio Municipal de Ourense a obra teatral TARZÁN. Obra en inglés representada polo grupo FACE2FACE e baseada na obra do escritor inglés Edgar Rice Burroughs.

"O coñecemento da lingua inglesa, a superación persoal, o traballo en equipo, os sentimentos e a interacción cos escolares serán algúns dos valores que poderemos apreciar nesta obra.

Inspirado nas novelas de Edgar Rice Burroughs, nesta historia un avión estrélase no medio da selva. O único sobrevivente é un bebé que será adoptado por unha parella de monos e convertirase en Tarzán. Mentres tanto, Jane Goodall, unha documentalista amante da natureza, e o seu prometido, Archibald Porter III, cazador, están de expedición na xungla co seu equipo (persoas afortunadas do público)..." (Senopse extraída da páxina web de AFundación, entidade que organizaba esta actividade).

 

III CONCURSO FOTOGRAFÍA A METEOROLOXÍA: O OUTONO

Xa temos aquí o resultado da terceira edición do concurso "FOTOGRAFÍA A METEOROLOXÍA: O OUTONO".

 

Na seguinte presentación podedes ver as tres fotos gañadoras máis todas as presentadas.

Grazas a todos pola participación e enhoraboa aos gañadores.

Só recordarvos que está aberto o prazo para presentar as fotografías correspondentes ao inverno. Observade a natureza e os cambios que sofre en cada estación e animádevos a participar!!. 

 

 Na entrada do colexio podedes ver a exposición de todas as fotografías presentadas 

 

PROCESO DE ADMISIÓN E MATRÍCULA CURSO 2019-20

 Comezamos o proceso de admisión e matrícula para o vindeiro curso 2019-20 coa reserva de praza nos centros de adscrición.

Do 1 ao 15 de febreiro os alumnos e alumnas de 6º de primaria que desexen continuar os seus estudos no IES EDUARDO BLANCO AMOR (centro ao que está adscrito o noso centro), deben presentar, ben na secretaría do centro, ben de forma electrónica, o impreso de solicitude de reserva de praza. 

Nos seguintes enlaces podedes acceder a toda a información e descargar o impreso de solicitude de reserva:

- Información sobre a reserva de praza

- Impreso de solicitude 

- Enlace á páxina web da Consellería de Educación

 

NADAL 2018

Así celebramos o NADAL no cole:

1- Adornamos a entrada, aulas e corredores.

2- Decoramos as portas con motivos propios destas datas.

3- Escribimos as nosas felicitacións de NADAL.

4- Na biblioteca realizamos o xa tradicional obradoiro de NADAL.

5- Visitamos aos maiores do Centro Residencial de San Amaro e cantámoslles os Reis.

6- Recibimos a visita de Papá Noel.

7- Tamén nos viñeron ver os Reis Magos aos que lles entregaron as súas cartas os máis pequenos do cole.

8- Rematamos coa celebración do tamén tradicional FESTIVAL de NADAL, onde todos os nenos e nenas demostraron as súas dotes como artistas.

(Se premedes en cada número da imaxe superior poderedes ver unha presentación de imaxes de cada actividade realizada). 

Powered by Drupal - Design by artinet