CARTEIS LETRAS GALEGAS

 

Unha das actividades que fixemos no colexio para conmemorar o DÍA DAS LETRAS GALEGAS foi a elaboración de carteis.

Deixámosvos aquí o resultado do traballo feito, que opinamos é espectacular.

Todos os carteis están expostos na entrada do colexio.

 

ADMISIÓN E MATRÍCULA: Listaxe definitiva de admitidos.

  Listaxe definitiva

Todos os nenos e nenas que solicitaron a admisión no centro están admitidos/as.

Recordámosvos que o prazo de formalización de matrícula será do 20 ao 30 de xuño de 2022

VISITA DO ESCRITOR E ILUSTRADOR MARCOS VISO

 

Outra actividade relacionada co DÍA DO LIBRO foi a visita do escritor e ilustrador MARCOS VISO, membro da nosa comunidade educativa, que achegou ás nosas aulas ao seu oficio de escritor e ilustrador.

En infantil deron renda solta á súa imaxinación seguindo as súas directrices, que se basearon no proxecto "Os vermes de seda" que están a traballar na aula .

En 3º de primaria, despois dunha pequena charla sobre a ilustración, crearon personaxes baseados en Pepa a loba, e puideron observar como os trazos e as cores dan personalidade á ilustración.

Co alumnado de 6º de primaria levouse a cabo unha charla coloquio para coñecer os pormenores do oficio de escritor e ilustrador, rematando a sesión cun debuxo feito por el e adicado a cada alumno e alumna.

Premendo na seguinte imaxe podedes ver un vídeo coas fotos do día.

Semana da FROITA e DA HORTA AO PRATO

Nesta semana estamos a comer aínda máis saudable, se cabe,  do que xa vimos acostumados.

 

Na hora da parva estamos coa SEMANA DA FROITA, polo que todos os días haberá froita variada para comer,  como podedes ver nas imaxes.

 

Ata puidemos probar tamén os primeiros amorodos da horta .

 

No comedor estamos coa semana DA HORTA AO PRATO. Ao longo desta semana consumiranse as verduras ecolóxicas da nosa horta.

Recordade que no seu cultivo participaron varios cursos do cole. Polo que comerán os seus propios produtos.

Menuda emoción!

 

 

 

Bo proveito a todos e todas!!

Investigación do alumnado de 5ºB sobre Ángela Ruiz Robles

 

O alumnado de 5ºB investigou sobre ÁNGELA RUIZ ROBLES para conmemorar o DÍA DAS MULLERES NA CIENCIA.

Os traballos finais resultado da súa investigación materializáronse nunha presentación que podedes ver premendo sobre a seguinte imaxe.

e un especial TELEGALICIA no que eles e elas  se converteron en entrevistadoras e entrevistados/as.

 

Este traballo permitiulles coñecer a Ángela Ruiz e o seu traballo de mestra e investigadora, aprender algúns aspectos relacionados coa época na que viviu e ao mesmo tempo enfrontarse á tecnoloxía para grabar un programa televisivo.

Actividade que resultou moi divertida.

 

 

Conmemoración do Día Mundial contra o Acoso Escolar

 

O 2 de maio conmemórase o Día Mundial contra o Acoso Escolar.

E no colexio queremos aportar o noso gran de area para concienciar ao alumnado da importancia que ten que eviten estas condutas.

Para iso non só temos en conta o Día da conmemoración, senón que en 5º e 6º de primaria establecemos neste trimestre a lectura de dous libros que lles axudarán a reflexionar sobre o tema, ver como se senten as dúas partes e converterse en persoas con CERO TOLERANCIA CO ACOSO ESCOLAR.

 En 5º de primaria visionaron a película WONDER coa finalidade educativa de ver como se sente un neno/nena que sofre o Acoso Escolar por parte dalgúns dos seus compañeiros/as e a posteriori están lendo o libro titulado WONDER - La historia de Julian de R. J. Palacios. Neste caso acércanse aos pensamentos do rapaz acosador.

 En 6º de primaria están lendo o libro INVISIBLE de Eloy Moreno. Este libro acércaos ao Acoso Escolar dende varios puntos de vista, para provocar neles a reflexión sobre a repercusión que ten o acoso en todas as  persoas implicadas, pero sobre todo na persoa que o sofre constantemente.

 

Agardamos que con estas lecturas, as reflexións e os debates, consigan ver o terrible que é para un rapaz ou rapaza sufrir ese acoso constante e en consecuencia evitar as condutas de acoso ao mesmo que tempo que se conciencian da importancia de denuncialo se son coñecedores dun acoso a calquera compañeiro/a.  

 

 

DÍA DAS RAPAZAS NAS TIC

 

 

Hoxe, 28 de abril, celébrase o Día das Rapazas nas TIC (Girls in ICT Day), por este motivo, o alumnado de 4º, 5º e 6º de Educación Primaria gozou dun coloquio virtual organizado polo Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e a Consellería de Emprego e Igualdade.

O Día das Rapazas nas TIC é unha celebración a nivel internacional promovida pola ITU (Unión Internacional de Telecomunicacións), orientada a motivar ás novas xeracións de mozas para que consideren o ámbito das tecnoloxías para o seu futuro desenvolvemento académicoinvestigador e profesional.

Xa que na actualidade hai unha infrarrepresentación da muller no sector tecnolóxico, é fundamental dar voz a referentes da nosa terra neste sector, mulleres que están traballando ou investigando neste eido, para acercar a súa realidade ás e aos estudantes, tanto rapazas como rapaces, dun xeito próximo e ameno.

Neste encontro, puideron escoitar e interactuar a través dunha rolda de preguntas e comentarios con catro tecnólogas galegas:

Laura Martínez Calvo, Edita de Lorenzo, Dhaunae de Vir e Lucía Ardao.

 

Preme na ligazón para acceder a máis información sobre estas mulleres e sobre o evento.

https://e-learning.cesga.es/ictgogirls/

 
   

 

    

 

OBRADOIRO DE PRIMEIROS AUXILIOS

O alumnado de 3º e 4º de primaria tivo a oportunidade de participar no OBRADOIRO DE PRIMEIROS AUXILOS - PUPAS, SUSTOS E OUTROS DESGUSTOS.

Neste obradoiro, que foi impartido por profesionais de enfermaría,  tiveron a ocasión de aprender unhas nocións básicas de primeiros auxilios. 

A actividade desenvolveuse en 3 sesións de dúas horas cada unha e constaban dunha parte teórica con contido audivisual e unha parte práctica. Os rapaces e rapazas trouxeron un peluche que converteron en paciente para practicar as técnicas que lles ensinaban.

Unha actividade que nos parece moi importante para que saiban actuar ante pequenos problemas como feridas ou queimaduras, pero tamén ante situacións máis compexas.

DÍA DO LIBRO 2022

 

 O luns celebramos o DÍA DO LIBRO.

Os nenos e nenas de 3º a 6º de primaria convertéronse para a ocasión  en padriños e madriñas lectores/as para lerlles contos aos máis pequenos.

A actividade levouse a cabo en distintos lugares do patio e no salón de actos, polo que moitas zonas se converteron en fermosos espazos para a lectura.

A actividade gustoulles moito a grandes e pequenos e foi moi emotivo ver como todos e todas gozaban dese rato de lectura na que a maioría leron e escoitaron máis dun conto.

Rematado o rato da lectura tiñan en dúas zonas do colexio  libros que se expurgaron da biblioteca para que escolleran algúns e darlles unha segunda vida nos seus fogares.

Había para todos os gustos lectores polo que todos e todas atoparon algún que fose do seu interese.

Deixámosvos aquí un vídeo coas imaxes que deixou o día.

    

Powered by Drupal - Design by artinet