O NOSO CENTRO

 

CEIP PLURILINGÜE PROFESOR ALBINO NÚÑEZ

ENDEREZO: Casardomato, Nº 1, O Pino - 32001-Ourense

TELÉFONO: 988 78 88 96

CORREO ELECTRÓNICO: ceip.albino.nunez@edu.xunta.es

PÁXINA WEB:www.edu.xunta.gal/centros/ceipalbinonunez

OFERTA EDUCATIVA: Educación Infantil e Educación Primaria

 

MATRÍCULA 2019-2020

Premede na imaxe para consultar a lista provisional de admitidos para o vindeiro curso 2019-20. 

Recordamos:

Prazo de reclamacións das listaxes provisionais:  cinco días hábiles posteriores á publicación das mesmas- do 25 de abril ao 02 de maio.

Publicación definitiva das listaxes de admitidos e excluídos:  14 de maio.

Prazo de formalización da matrícula:   do 20 ao 30 de xuño.

A FÓRMULA DAS EMOCIÓNS

Un interesante e moi divertido taller sobre as emocións tivo lugar no salón de actos do centro o pasado 12 de abril. A importancia da intelixencia emocional medra día a día, coñecer as nosas emocións, saber xestionalas, sentir empatía polos demais e mellorar as relacións interpersoais considéranse pilares básicos na formación da persoa e a clave para manter o equilibrio e a harmonía. 

Para coñecer máis sobre este taller e ver a galería de fotos picade na imaxe para acceder ao blog da biblioteca escolar:

III CONCURSO FOTOGRAFÍA A METEOROLOXÍA: A PRIMAVERA

Deixámosvos as bases da terceira parte do III CONCURSO DE FOTOGRAFÍA A METEOROLOXÍA, esta vez queremos que nos entreguedes fotografías onde se reflicta A PRIMAVERA. Animádevos, agardamos polas vosas fotos!!!

 

CAMPAMENTO DE VERÁN

A Asociación de Nais e Pais do noso centro comunícanos que ata o 16 de maio permanecerá aberto o prazo de inscrición para o campamento de verán que, de haber o número suficente de inscritos, realizaríase no colexio do 24 de xuño ao 31 de xullo.

Podedes consultar toda a información no seguinte póster:

 

No seguinte enlace podedes descargar a ficha de inscrición: CAMPAMENTO DE VERÁN 2019

O HORTO DOS AMIGOS DE CARDIO

Mirade que bos repolos recollemos no noso horto escolar!! Como xa sabedes, a maioría das novas sobre o horto escolar e o proxecto de Voz Natura están recollidos no blog de VOZ NATURA: "ENTRE SALGUEIROS, BIDUEIROS E CARBALLOS". Con esta pequena nova queremos recordarvos que non deixes de consultar dito blog. Premede na imaxe para acceder ao mesmo:

 
   

TALLERES PLAY ENERGY

Os alumnos e alumnas de 3º e 4º de Educación Primaria participaron o 12 de abril nuns talleres sobre enerxía chamados PLAY ENERGY patrocinados por ENDESA co fin de poñer aos nenos en contacto co mundo da enerxía. 

O seu obxectivo é o de ampliar o coñecemento que eles teñen sobre a enerxía e fomentar un uso eficiente e racional, así como que coñezan hábitos e actitudes orientadas á eficiencia enerxética e a sosteñibilidade. 

Estes talleres comezaron cunha parte máis teórica onde unha técnica de Endesa lles falou primeiramente dos diferentes elementos da natureza que podemos transformar en enerxía, logo de cales destas fontes enerxéticas son renovables ou non, dos procesos para liberar a enerxía destes elementos, tipos e consumos dos diferentes aparellos eléctricos... e tamén da importancia do aforro enerxético.

Logo o taller pasou a ser máis práctico e divertido, os nenos e nenas realizaron catro experimentos sobre como se empregan as diferentes formas de enerxía para obter electricidade: vehículos e barcos de propulsión eólica, vehículos híbridos solares-dinamo, xiroscopios luminosos... Tamén tiveron que clasificar os diferentes aparellos dunha casa segundo o seu consumo.

Finalmente aprenderon o importante que é tamén o aforro enerxético para perservar o medio ambiente. Empregar bombillas led, non deixar luces prendidas, ducharse en vez de bañarse, apagar os aparellos electricos e non deixalos en repouso... son pequenos xestos que debemos facer nas nosas casas para contribuír entre todos a sosteñibilidade do planeta. 

 

 

CONTACONTOS: MARTÍN E O LAPISEIRO MÁXICO

O 8 de abril volvemos contar coa presencia de SABELA GAGO no noso centro, como xa sabedes Sabela é unha estupenda actriz, compoñente do grupo de teatro Sarabela e tamén unha maravillosa contadora de historias.  As súas sesións de contacontos  sempre deixan engaiolados a todos os nenos e nenas, neste caso aos máis pequenos do cole: a todo o alumnado de Educación Infantil. 

Esta vez contoulles a historia de MARTÍN E O LAPISEIRO MÁXICO, e con Martiño e o seu lapis foron imaxinando e vivindo diferentes situacións, emocións e interactuando continuamente con Sabela que  sempre sabe provocar o seu sorriso, a súa alegría e as súas gañas de disfrutar, de moverse e de "soltar" esa gran enerxía que teñen no seu interior. Grazas unha vez máis a Sabela por esta hora tan estupenda que nos fixo pasar!!!

 

 

TEATRO: EU COCIÑO, TI COCIÑAS?

O 8 de abril os pequenos e pequenas de 1º e 2º de Educación Primaria acudiron ao Auditorio Municipal para presenciar o espectáculo: EU COCIÑO, TI COCIÑAS? de MAMÁ CABRA, espectáculo promovido pola obra social de AFundación e no que a música e a alimentación saudable son os protagonistas.

"Con esta nova montaxe, Mamá Cabra volve sorprender e enganchar a rapazada aos seus pegadizos sons e a unha historia onde a cociña é a protagonista. Unha proposta innovadora, onde a alimentación saudable se converte no medio perfecto para traballar novos aspectos curriculares.

Timoteo cambiou o seu quiosco por un restaurante que se chama COKI, xa que estaba preocupado porque os nenos e nenas comeran saudable. Ata fixo un blog para dar a coñecer as súas receitas con ingredientes moi especiais: sorrisos de mamá, empanadillas con amor... digo con xamón!, viaxes de papar e xogar, aventuras de piratas... Timoteo di que cociñando podemos percorrer o mundo e facer novas amizades". (Senopse extraída da páxina web de AFundación).

Recordamos que Mamá Cabra é un grupo musical galego adicado ao público infantil e formado por músicos que tocan de todo: batería, percusión tradicional, frautas e gaitas, baixo ecléctrico, acordeón, guitarra eléctrica e voz. 

Os seus espectáculos musicais son moi participativos e a súa música é divertida e incorpora valores didácticos, como a adquisición de hábitos saudables, ou o desenvolvemento das capacidades psicomotrices a través do baile e os movementos coordinados. Os ritmos modernos (rock, pop, funk…) dotan a Mamá Cabra dun especial atractivo que encanta non só aos nenos e nenas, senón tamén a toda a familia. 

 

TI RECICLAS, OURENSE GAÑA

A sensibilización cara o coidado do medio ambiente é un dos valores que tratamos de fomentar no noso alumnado a través do noso proxecto de Voz Natura, do coidado da horta escolar e a través de diferentes actividades como a que tivo lugar o pasado 1 de abril no colexio: "TI RECICLAS, OURENSE GAÑA", actividade promovida polo Concello de Ourense co fin de "contribuír á reducción da emisión de gases e do efecto invernadoiro e en especial reducir a pegada ecolóxica, comezando dende o ambiente escolar"

Nunha charla impartida por un técnico en medio ambiente aos alumnos e alumnas de 5º e 6º de primaria, este faloulles do aumento da xeración de residuos debido ao incremento do consumismo da poboación e do número de embalaxes que se empregan na comercialización de productos ( papel, cartón, vidro, plásticos, metais,...) e polo emprego de envases de usar e tirar. Toda esta situación provoca un crecemento contínuo no volume de refugallos xerados por habitante e o conseguinte impacto medioambiental. Para contribuír dende a escola e dende os fogares á redución dos residuos, o técnico explicoulles a "REGRA DOS 3 ERRES" (reducir, reutilizar e reciclar) e deulles unha serie de nomas e consellos que todos debemos poñer en práctica, xa que tamén é a nosa responsabilidade contribuír coas nosas accións á reducir o impacto no medio ambiente.

 
 
Deixámosvos dous enlaces moi interesantes, o primeiro con consellos sobre o aforro e redución de recursos elaborado por SOGAMA (Sociedade Galega do Medio Ambiente) e o segundo unha unidade sobre os 3 ERRES:
 
 

VISITA DE CARDIO

O pasado 1 de abril recibimos no colexio a visita de CARDIO, a mascota do programa SI! (Saúde Integral), programa, que como xa sabedes, levamos a cabo dende fai sete anos. Cardio quixo pasar unha xornada divertida cos pequenos e pequenas de infantil cos que cantou e bailou, fíxose un montón de fotos e deulles un montón de abrazos. Logo obsequiounos cunhas lambetadas saudables. Que ben o pasaron todos!!

Recordade que o PROGRAMA SI! é un programa de intervención escolar dirixido a nenos e nenas dende 3 ata 16 anos con un claro obxectivo: demostrar que a adquisición de hábitos saudables dende a infancia reduce os riscos das enfermidades cardiovasculares e mellora a calidade de vida na idade adulta. Son catro os pilares básicos sobre os que se asenta este programa, promovido polo doctor Fuster mediante a Fundación SHE:

  • Hábitos saudables de alimentación.
  • Fomento da actividade física.
  • Coñecemento do corpo humano.
  • Xestión das emocións. 

 Deixámosvos os enlaces as guías do programa de educación infantil e de educación primaria:

- GUÍA EDUCACIÓN INFANTIL

- GUÍA EDUCACIÓN PRIMARIA 

 

TEATRO: BON APPETIT

O pasado 29 de marzo, os alumnos e alumnas de 3º e 4º de Educación Primaria acudiron ao Auditorio Municipal para presenciar unha nova obra teatral. Esta vez tratábase de "BON APPÉTIT", obra posta en escena polo grupo "TEATRO DOS GHAZAFELLOS" e patrocinada pola obra social de AFundación. A obra é unha mistura de teatro, música, monicreques e un texto de enredo  con moito xogo de palabras que fixo pasar un rato moi divertido a todos os nenos e nenas. 

Comedia en clave de clown onde tres chefs «franceses» tentarán mostrar os segredos da cociña galega, seguindo o prestixioso libro de receitas escrito por Álvaro Cunqueiro, A Cociña Galega: «A cociña é arte, a expresión cultural que un pobo desenvolve ao longo do tempo». Cunha posta en escena colorista, estes personaxes enganchan @s nen@s desde o primeiro momento, facéndoos partícipes das desventuras, malos entendidos e solucións para cada prato. (Senopse extraída da páxina oficial de AFundación).

III CONCURSO FOTOGRAFÍA A METEOROLOXÍA: O INVERNO

Na entrada do centro xa están expostas as fotografías gañadoras e todas as fotos participantes no

III CONCURSO FOTOGRAFÍA A METEOROLOXÍA:                                         O INVERNO      

 

As fotos gañadoras desta edición son:              

1º premio: "Pícnic na neve" de Arón Junco de 2º EP

2º premio: "Parece neve!" de Xiana Corderí de 5º EP

3º premio: "Un inverno diferente" de Aldara García de 4º EP  

Parabéns aos gañadores e grazas a todos unha vez máis pola participación. 

Agora só queda ir preparando a cámara para fotografar os cambios que ocorren na natureza na estación que acabamos de comezar: a primavera!.

 

Podedes ver todas as fotografías na seguinte presentación:

 

SEGURIDADE EN INTERNET

No pasado mes de febreiro realizarase no centro unha charla sobre o acoso escolar enmarcada dentro do PLAN DIRECTOR PARA A CONVIVENCIA E MELLORA DA SEGURIDADE NOS CENTROS EDUCATIVOS E NAS SÚAS CONTORNAS. Este pasado 27 de marzo dentro do mesmo plan, promovido pola Xunta de Galicia en colaboración coas forzas de seguridade do estado, realizouse outra charla, esta vez adicada á Seguridade en Internet e nas Redes Sociais. Consideramos que o avance continuo das novas tecnoloxías e os riscos que conleva o uso de Internet fan necesario actividades de formación para que alumnos e alumnas naveguen seguros pola rede e saiban conducirse axeitadamente.

Unha vez máis, Lorena, axente da Policía Nacional, explicoulles aos rapaces e rapazas de 5º e 6º de primaria todos aqueles aspectos que teñen que ver coa seguridade ao navegar por Internet, comezando por informalos sobre o que era a identidade dixital de cada un dos que navegamos pola rede. Logo indicoulles cales son as medidas básicas de seguridade que debemos empregar para protexer os nosos datos e a nosa identidade e como actuar sempre con cautela. Os alumnos e alumnas expuxeron tamén as súas dúbidas e algunha das súas experiencias.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Deixámosvos un enlace á páxina web PANTALLAS AMIGAS, onde podedes consultar información e visualizar vídeos e presentaciones relacionadas co uso seguro e responsable de internet e de outras ferramentas TICs por parte de nenos e adolescentes. 

(Fai clic na imaxe para acceder á páxina web)

 

No seguinte póster tedes unhas regras básicas para navegar con seguridade por INTERNET:

 

DÍAS MUNDIALES DOS BOSQUES, DA AUGA E DA METEOROLOXÍA

Un ano máis celebramos na semana do 18 ao 24 de marzo o DÍA MUNDIAL DA AUGA (21 de marzo), o DÍA INTERNACIONAL DOS BOSQUES (22 de marzo) e o DÍA METEOROLÓXICO MUNDIAL (23 de marzo), con diversas actividades para destacar a importancia destes elementos na nosa vida e en toda a natureza e sensibilizar sobre o coidado e protección do medio ambiente en xeral. Destacamos algunha delas:

1- Plantación de árbores. Os máis pequenos/as do cole plantaron castiñeiros e carballos a partir de castañas e belotas que trouxeron das súas casas. 

2- Os maiores de 4º, 5º e 6 plantaron 3 bidueiros que nos enviou a Deputación Provincial. Primeiramente nas aulas traballaron o libro "DAMA DE AUGA E O SEGREDO DAS ÁRBORES", (enviado tamén pola Deputación Provincial), libro que ten como protagonista á Dama de Auga, amiga das augas e das árbores que vivía nas terras de Ourense xunto coas ninfas e os gnomos e que loitará para liberar e salvar da contaminación dez árbores que aparecen na historia.

 Cada curso púxolle o nome ao seu bidueiro e encargarase do seu coidado. 

3- Dende o equipo de biblioteca tamén quixeron que a sensibilización cara o coidado e protección do medio ambiente foran o eixe da temática para a celebración do DÍA MUNDIAL DA POESÍA (21 de marzo). Así xa expuxeron as poesías que sobre A NATUREZA  realizaron os alumnos e alumnas do centro.

 

 (Premede na imaxe para ver todas as poesías no blog do equipo da biblioteca escolar).

4- Realizouse a selección de fotografías do concurso fotográfico sobre o inverno que convocara o equipo de METEOESCOLAS do centro (da que vos informaremos en breve). 

Powered by Drupal - Design by artinet