O NOSO CENTRO

 

CEIP PLURILINGÜE PROFESOR ALBINO NÚÑEZ

ENDEREZO: Casardomato, Nº 1, O Pino - 32001-Ourense

TELÉFONO: 988 78 88 96

CORREO ELECTRÓNICO: ceip.albino.nunez@edu.xunta.es

PÁXINA WEB:www.edu.xunta.gal/centros/ceipalbinonunez

OFERTA EDUCATIVA: Educación Infantil e Educación Primaria

 

MENÚS OUTUBRO 2019

- MENÚ XERAL OUTUBRO 2019             

    -   Menú sen glute                                  

     - Menú sen leite 

     - Menú sen ovo        

     - Menú hipocalórico

 

 

(Preme nas imaxes para visualizar os diferentes menús)

 

 

BASI E OS SEUS AMIGOS

Comunicámosvos unha actividade que nos parece moi interesante, a presentación do libro BASI E OS SEUS AMIGOS, "unha historia que fala da integración, do amor á diferencia e do respecto polo que cada un é. Un libro que amosa que os problemas poden disolverse con boas intencións e determinación e no que a empatía é a palabra clave".

No seguinte cartel tedes a información sobre o lugar de celebración, data e horarios. 

PROGRAMA SI - CURSO 2019-20

Igual que xa comezamos co programa de VOZ NATURA, xa comezamos tamén a traballar co PROGRAMA SI, SAÚDE INTEGRAL, que recordamos:  "é un programa de intervención escolar dirixido a nenos e nenas de 3 a 16 anos cun claro obxectivo: demostrar que a adquisición de hábitos saudables dende a infancia reduce os riscos das enfermidades cardiovasculares e mellora a calidade de vida na idade adulta".

E tamén coma en anos anteriores comezamos coa carta que o Doctor Fuster vos envía ás familias para animarvos a colaborar co programa:

Unha das novidades deste curso é a realización duns obradoiros de formación, para profesores e tamén para pais e nais. 

O pasado 1 de outubro xa tivo lugar no centro o taller dirixido ao profesorado: "AUTOXESTIÓN EN SAÚDE: DA ALIMENTACIÓN Á NUTRICIÓN". Impartido pola doctora Estefanía Zardoya Cabo, médica especialista en medicina de familia e comunitaria e coach polo ICC., combinando teoría con práctica e auto-reflexión. Estes foron algúns dos obxectivos propostos:

- Tomar consciencia do proceso da nutrición. Pasar de vivir para comer a comer para vivir.

- Reflexionar sobre os coñecementos sobre nutrición: proporcionar puntos claves con evidencia científica.

- Información actualizada sobre conceptos básicos en nutrición.

- Axudar a integrar os coñecementos na nosa vida cotiá. 

  (Nota sobre o obradoiro no xornal La Región o 2-10-2019)

 

Agora queda pendente de realizar o obradoiro dirixido aos pais e nais. En canto coñezamos a data de celebración seredes avisados. Contamos convosco, a vosa participación é fundamental para que continuedes nas casas cos hábitos saudables que dende a escola queremos inculcar aos nenos e ás nenas. 

Lembrade entrar tamén na páxina web do programa: https://www.programasi.org/. Alí atoparedes materiais e recursos que vos axudarán a fomentar un estilo de vida saudable. 

 As claves de acceso para as familias:

 Usuario: FAM32008458

 Contrasinal:   FAM32008458NS

 

·        

VOZ NATURA 2019-20

Comezamos o curso e comezamos tamén a nosa participación, un ano máis, no programa de educación medio-ambiental VOZ NATURA, que celebra xa a súa 23ª edición. O lema deste curso é "CONSTRUAMOS UN FUTURO SEN PLÁSTICO":

"O obxectivo principal deste curso é a erradicación dos plásticos de todos os ecosistemas. Os equipos realizan actividades orientadas a reducir a produción e consumo de plásticos, buscando alternativas máis sostibles e respectuosas co medio ambiente. Unha temática coa que Voz Natura quérese sumar ao imparable movemento a nivel mundial para combater os efectos prexudiciais dos plásticos na natureza" (sinopse extraída da páxina oficial de Voz Natura).

O título do noso proxecto é o de DESPLASTIFÍCATE!!! e con el tamén queremos contribuír á redución do consumo de plásticos, na nosa contorna, na escola e nas casas, polo que solicitamos tamén a vosa colaboración.

(Preme na imaxe para descargar a selección de centros participantes)

As actividades que realizaremos ao longo do curso quedarán plasmadas, coma en cursos anteriores,  no noso blog de Voz Natura que, de acordo co novo proxecto, estrea cabeceira:

Premendo na imaxe irás ao noso blog onde xa hai publicadas algunhas ideas para axudarnos a reciclar e reducir o consumo de plásticos.

Tamén vos deixamos un sinxelo cartel publicado por SOGAMA (Sociedade Galega do Medio Ambiente) cuns consellos básicos sobre a redución dos plásticos. ANÍMATE E COLABORA NA PROTECCIÓN DO MEDIO AMBIENTE. DI NON AOS PLÁSTICOS!!.


 

NOVAS ANPA

A Asociación de Nais e Pais do Centro convoca a todos os pais, nais e/ou titores legais dos alumnos/as a unha reunión o vindeiro 1 de outubro ás 6 da tarde.  Coma sempre recordamos a importancia de asistir a estas reunións, tendo ademais en conta que se vai producir unha renovación de membros da xunta directiva. Reproducimos a carta enviada pola ANPA a todas as familias:

 

TEATRO: A ILLA SEN TESOURO

Os alumnos e alumnas de 2º e 3º de Educación Primaria acudiron o pasado 19 de setembro a Praza de San Martiño onde tivo lugar a inauguración oficial por parte do Concello de Ourense do curso escolar 2019-20. 

Alí os rapaces presenciaron a representación teatral da obra "A ILLA SEN TESOURO" posta en escena polo grupo teatral OS GHAZAFELHOS. A obra xiraba en torno as pericipias vividas por tres piratas que chegan a unha illa buscando un tesouro.

Música, bailes, pelexas de espadas e acción mesturanse  con humor, contanto co apoio dunha escenografía dinámica que se transforma nun mesón, nun barco, nunha cova e nunha empalizada.

A complicidade e interactividade cos rapaces foi outro elemento máis de apoio á obra:  ao final estes foron tamén protagonistas e participaron activamente para axudar a resolver os conflitos dos piratas. 

 

 

ACTIVIDADES EXTRAESCOLARES CURSO 2019-20

Xa está aberto o prazo para inscribirse nas actividades extraescolares de despois de xantar do presente curso. Coma en anos anteriores, a maioría das actividade son promovidas pola ANPA do centro.

Ás xa habituais actividades de inglés, pintura, fútbol, patinaxe, baile moderno, xadrez, percusión e gaita... únense este ano ás de arte creativo, baloncesto e ioga/contacontos.

Como novidade máis salientable destacar dúas actividades dirixidas a toda a familia e que se realizarán de 16:30 a 17:30: ioga en familia e danza en familia;  esperamos que sexan do voso interese. 

Premendo na seguinte imaxe podedes visualizar e descargar o cadro das actividades e a ficha de inscrición nas mesmas:

INFORMACIÓN INICIAL CURSO 2019-20

No díptico informativo de principio de curso, que reproducimos a continuación, figuran algúns datos básicos referidos ao calendario do presente curso, horarios do centro, de secretaría, das sesións de titorías, composición do claustro e do consello escolar e algunhas recomendacións básicas para que sexa máis efectiva a colaboración entre a escola e as familias. 

Tamén figura neste folleto a convocatoria da reunión de principio de curso con todas as familias. Dita reunión será o vindeiro 24 de setembro ás 6 da tarde. Coma sempre, esperamos contar coa súa presenza para transmitirlles información xeral sobre o funcionamento do centro e especialmente aspectos referidos ao grupo/curso en que estuda o seu fillo/a.

Esta reunión constará de dúas partes:

- Reunión xeral de todas as familias co equipo directivo e con todo o profesorado onde se lles explicarán as normas de funcionamento do centro e as novas do presente curso.

- Cada familia reunirase a continuación co titor/a do seu fillo/a  para a presentación do grupo, coñecer os obxectivos do curso, organización da aula, tarefas escolares... e aqueles outros aspectos relevantes para o inicio da colaboración e comunicación entre as familias e o profesorado en aras da mellora do proceso educativo dos seus fillos/as. 

 

COMEZO DE CURSO 2019-20

Unha vez máis fomos protagonistas no espazo de novas do canal de televisión TELEMIÑO ao realizarse a gravación do comezo do novo curso no noso centro. No programa quedaron recollidas opinións sobre a volta ás aulas por parte de nais, de alumnos e de alumnas e do director do colexio.

Coma sempre damos a benvida a todos e, dunha maneira especial, a todas as familias que pasan a formar parte da nosa comunidade educativa, que cada vez é máis numerosa, ao incrementarse este curso as prazas, contando con 6 unidades de infantil e 9 de primaria (3  máis de infantil e unha máis de primaria que os postos que lle corresponden ao centro). 

 Tamén apareceu a nova no suplemento XORNAL ESCOLAR do diario LA REGIÓN de Ourense:

 

 

Powered by Drupal - Design by artinet