02 Aneae e anee. ESO. BAC
Índice tema

2.7. Atención educativa hospitalaria e domiciliaria

Decreto 229/2011, do 7 de decembro, polo que se regula a atención á diversidade do alumnado dos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia nos que se imparten as ensinanzas establecidas na Lei orgánica 2/2006, de 3 de maio, de educación (DOG, 21/12/11).  Art. 25º.

Artigo 25. Atención educativa hospitalaria e domiciliaria.

1. A atención educativa hospitalaria e/ou domiciliaria terán por finalidade a continuidade do proceso formativo do alumnado que curse ensinanzas de réxime xeral en modalidade presencial en centros sostidos con fondos públicos e que, por prescrición facultativa, debido a enfermidade ou lesión, non poida asistir con regularidade ao centro por un período prolongado de tempo. En todo caso, priorizarase a atención ao alumnado das etapas de ensino obrigatorio.

2. Será destinatario de atención educativa hospitalaria o alumnado que deba permanecer ingresado nun centro hospitalario, a tempo completo ou en hospitalización de día, nalgunha das seguintes situacións:

a) Longa hospitalización: máis de trinta días.

b) Media hospitalización: entre quince e trinta días.

c) Curta hospitalización: menos de quince días.

O alumnado de longa e media hospitalización será quen reciba atención educativa en coordinación co centro de orixe, mentres que o de curta hospitalización poderá realizar no centro hospitalario actividades educativas de carácter xeral.

3. A consellería con competencias en materia de educación establecerá convenios cos centros hospitalarios para garantir, cando proceda, a atención educativa do alumnado hospitalizado neles.

4. Será destinatario de atención educativa domiciliaria o alumnado escolarizado en centros sostidos con fondos públicos que deba permanecer convalecente no domicilio por un período de tempo superior a un mes. Igualmente, será obxecto desta atención o alumnado que padeza algunha enfermidade crónica que sexa a causa de faltas de asistencia ao centro de seis ou máis días continuados ao mes dentro dun período mínimo de seis meses.

5. A autorización da atención educativa domiciliaria correspóndelle á Administración educativa, de acordo co procedemento que se estableza.

6. A consellería con competencias en materia de educación determinará os recursos específicos que garantan a continuidade do proceso educativo do alumnado que precise atención educativa hospitalaria ou domiciliaria, así como os criterios e procedementos para a súa atención e a coordinación interprofesional.

Orde do 27 de decembro de 2002 pola que se establecen as condicións e criterios para a escolarización en centros sostidos con fondos públicos do alumnado de ensino non universitario con necesidades educativas especiais (DOG 30/01/03). Arts. 47º a 51º.

Artigo 47º.-Finalidade da atención educativa hospitalaria ou domiciliaria.

A atención educativa hospitalaria ou domiciliaria terá como finalidade principal a de dar continuidadeó proceso formativo do alumnado en escolarización obrigatoria, que por prescrición facultativa non poida asistir de xeito habitual ó seu centro escolar. O alumnado que curse ensinanzas a distancia ou de educación para as persoas adultas aterase ó disposto nas respectivas normas legais, non sendo de aplicación o disposto no parágrafo anterior.

Artigo 48º.-Servicios de atención educativa hospitalaria e domiciliaria

Cando as circunstancias así o aconsellen, poderanse crear ou habilitar servicios de atención educativa hospitalaria e domiciliaria, que estarán constituídos por profesorado que formará parte dos centros específicos de educación e promoción de adultos ou, no seu defecto, dos institutos de educación secundaria autorizados para impartir ensinanzas de adultos nas modalidades presencial e a distancia. A súa función principal será asegurar, no posible, a continuidade na atención educativa do centro de referencia do alumno. Para tal fin os centros educativos, a través do correspondente departamento de orientación, proporcionarán a estes servicios toda a información relativa ó alumno, especialmente a referida á súa competencia curricular. Igualmente, o servicio de atención hospitalaria e domiciliaria remitirá ó centro de referencia do alumno os informes relativos ó seu progreso, cunha periodicidade mínima mensual e ó finalizar esta modalidade de atención educativa. Non obstante, con carácter temporal, a Administración educativa poderá proporcionar esas atencións a través dun profesor do centro ó que pertenza o alumno, preferentemente o seu titor, se a parti-cipación ten carácter voluntario e non implica o incremento do persoal do centro.

Artigo 49º.-Condicións para a atención educativa hospitalaria ou domiciliaria.

Poderá ser destinatario da atención educativa hospitalaria ou domiciliaria o alumnado que, cursando ensinanzas de réxime xeral na modalidade presencial, por prescrición facultativa se considere que non poderá asistir ó seu centro por un período superior a un mes. Para acceder a esta atención será imprescindible que o alumno estea matriculado nun centro autorizado de ensino non universitario.

Artigo 50º.-Solicitude da atención educativa hospitalaria ou domiciliaria.

A solicitude da atención educativa hospitalaria ou domiciliaria, que irá acompañada dos debidos informes que a xustifiquen, formularase perante a correspondente
delegación provincial pola dirección do centro ó que pertenza o alumno, a instancia dos seus pais ou titores legais.

Artigo 51º.-Programa individualizado de atención educativa.

Cando un alumno sexa obxecto de atención educativa hospitalaria ou domiciliaria, o seu centro de referencia establecerá, a partir do correspondente proxecto curricular de etapa, un programa individualizado no que se terán en conta as necesidades educativas especiais asociadas á súa situación. A elaboración e seguimento dese programa levaraa a cabo o titor do alumno en colaboración co correspondente servicio de atención educativa hospitalaria e domiciliaria e co asesoramento do correspondente departamento de orientación. Así mesmo, cando as condicións do alumno así o requiran, o equipo de orientación específico proporcionará o apoio necesario para levar a cabo esas tarefas.

Acudimos a esta regulación previa ao D 229/2011 para aspectos que este non precisa, sempre que non contradigan o establecido no mesmo.