03 Centros de educación especial
Índice tema

3.3. Escolarización en centros e aulas de educación especial. Organización da atención.

Decreto 229/2011, do 7 de decembro, polo que se regula a atención á diversidade do alumnado dos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia nos que se imparten as ensinanzas establecidas na Lei orgánica 2/2006, de 3 de maio, de educación (DOG, 21/12/11). Art. 16, 19º e 20º.

Artigo 16. Modalidades de escolarización.

1. Considéranse modalidades de escolarización:
a) A escolarización en centros ordinarios, en que se poderán crear ou autorizar unidades de educación especial. Igualmente, determinados centros ordinarios poderán ser habilitados, pola consellería con competencias en materia de educación, como centros de escolarización preferente.
b) A escolarización en centros de educación especial.
c) A escolarización combinada entre un centro ordinario e un centro de educación especial.
Para os efectos de escolarización, as unidades de educación especial nos centros ordinarios terán a consideración de centros de educación especial.

2. No caso das escolarizacións combinadas entre un centro ordinario e un centro de educación especial, o alumnado pertencerá, para efectos académicos e administrativos, ao centro educativo que se determine na resolución da xefatura territorial correspondente.
O profesorado de ambos os centros coordinarase no proceso de planificación, atención e avaliación deste alumnado.

3. A escolarización do alumnado nunha modalidade diferente da ordinaria estará sometida a un proceso de revisión periódica por parte da xefatura do Departamento de Orientación correspondente, que será trimestral en educación infantil e, cando menos, anual nas demais ensinanzas. Cando, a partir desa revisión, se conclúa que é necesario un cambio na modalidade de escolarización, este deberá solicitarse á xefatura territorial correspondente

Artigo 19. Escolarización en unidades de educación especial.

1. A consellería con competencias en materia de educación poderá crear ou autorizar unidades de educación especial en centros ordinarios cando se entenda como o recurso máis adecuado para atender as necesidades educativas especiais de determinado alumnado, facilitando a participación e a posibilidade de compartir actividades e espazos do centro ordinario que favorezan a inclusión.

2. A escolarización do alumnado en unidades de educación especial, combinada ou a tempo completo, e a organización da súa atención educativa, estarán suxeitas ás mesmas condicións e procedementos que os dispostos para os centros de educación especial.

3. A escolarización do alumnado a tempo completo nunha unidade de educación especial poderá prolongarse un terceiro ano en educación primaria e un cuarto en educación secundaria obrigatoria, nos termos establecidos pola consellería con competencias en materia de educación e respectando o límite de 15 anos nas unidades dos centros ordinarios de educación primaria e de 21 anos nos de educación secundaria obrigatoria, cumpridos, en ambos os casos, no ano natural en que remata o curso escolar.

4. Os proxectos educativos dos centros ordinarios que conten con unidades de educación especial incluirán os aspectos singulares da organización e funcionamento que as caracterizan.

Artigo 20. Escolarización en centros de educación especial.

1. Enténdese por centro de educación especial aquel onde se escolariza, exclusivamente, alumnado con necesidades educativas especiais que require modificacións significativas do currículo en parte ou en todas as áreas ou materias e que precisa da utilización de recursos moi específicos ou excepcionais, necesidades que non poden ser atendidas e recursos que non se poden facilitar dentro das medidas de atención á diversidade dos centros educativos ordinarios.

2. A escolarización nos centros de educación especial realizarase segundo o procedemento que estableza a consellería con competencias en materia de educación.

3. A competencia para a escolarización nos centros de educación especial corresponde á xefatura territorial e deberá contar co ditame de escolarización emitido polos servizos de Orientación, co informe do Servizo de Inspección Educativa e coa manifestación por escrito da vontade das nais, pais ou titores e titoras legais.

4. O alumnado escolarizado a tempo completo nun centro de educación especial poderá prolongar a súa escolarización un terceiro ano en educación primaria e un cuarto en educación secundaria obrigatoria, nos termos establecidos pola consellería con competencias en materia de educación e respectando o límite de 21 anos de idade para a permanencia do alumnado nos centros de educación especial, cumpridos no ano natural en que finaliza o curso escolar.

5. As ensinanzas nos centros de educación especial e nas unidades de educación especial dos centros ordinarios abordarán unha educación básica obrigatoria e unha formación profesional adaptada e de transición á vida adulta. A educación básica a que se refire o punto anterior terá unha duración mínima de dez anos e centrarase no desenvolvemento dos obxectivos e competencias básicas no grao en que as características persoais do alumnado o posibiliten. A formación profesional adaptada estará encamiñada á adquisición de competencias profesionais e das habilidades da vida diaria que lle permitan ao alumnado desenvolverse coa máxima autonomía posible. Esta formación, de ser o caso, poderá ter efectos de acreditación das competencias profesionais adquiridas en relación co Sistema Nacional de Cualificacións e Formación Profesional. A consellería con competencias en materia de educación establecerá a ordenación das ditas ensinanzas.

6. Os centros de educación especial, para efectos de organización e funcionamento, contarán con regulación específica adaptada ás súas peculiaridades. É competencia da consellería con competencias en materia de educación esa regulación.

7. Nos termos que estableza a consellería con competencias en materia de educación, os centros de educación especial poderán constituírse como centros de recursos específicos, poñendo á disposición dos centros ordinarios os materiais e recursos de que dispoñen, centralizando os recursos máis especializados e exercendo os labores de asesoramento e atención ambulatoria que se determinen. Igualmente, fomentarán o intercambio de experiencias e a difusión de boas prácticas docentes.