image_blog

Aprender vs ensinar

Porque o primeiro é máis importante que o segundo

Somos docentes, profesionais aos que nos ensinaron a ensinar. Todo o foco do noso proceso formativo inicial, e posiblemente moita da formación contínua, é sobre o proceso de ensinanza. Este proceso implica un carácter concreto, unha filosofía particular, unha forma de ver a educación e o papel dos actores directamente implicados nela.
Este enfoque require de pensamentos e actuacións moi importantes. Para empezar, a actitude na aula co alumnado e este cos seus iguais: os agrupamentos, por poñer un exemplo, implican como entendemos as interaccións na aula e como percibimos o que é importante desenvolver como centro de interese.
Tamén ocorre o mesmo cando falamos de tecnoloxía, ese elemento que desde hai un tempo aparece nas actividdes docentes como un “must-have” que dirían os americanos. Coa tecnoloxía facemos o mesmo que con calquera outro elemento no proceso educativo converténdoa no centro do proceso e nunha ferramenta do docente; exemplos disto son elementos tecnolóxicos como os encerados dixitais interactivos ou o libro de texto ideados para o labor de emisión de información. Pero no contexto actual os procesos de aprendizaxe realízanse desenvolvendo dinámicas activas de aprendizaxe: PBL, CBL, flipped learning, design thinking… e esa percepción fai que o uso da tecnoloxía sexa directo polo alumnado inmerso en procesos máis creativos, máis activos e máis arriscados.
Profundar, ensaiar, formular, crear, idear, presentar, deseñar, aplicar, probar… son algo máis que palabras; son verbos de acción que, en mans do alumnado e cos elementos tecnolóxicos axeitados, permiten xerar experiencias de aprendizaxe efectivas nas que asumir riscos. Emprender, desenvolver, son as outras accións que acaban incorporándose á bagaxe do día a día nunha aula chea de oportunidades nun futuro incerto que, como din os expertos, requerirán da cidadanía do mañá roles moi diferentes do que ata o de agora se veñen realizando na nosa sociedade, unha sociedade marcada cada vez máis polo seu título de “socidade da información e o coñecemento”.
Pero tamén debemos procurar experiencias de aprendizaxe afectivas, porque sen emoción, sen motivación, sen intención a aprendizaxe non produce resultados axeitados a longo prazo. A nivel neurolóxico está demostrado que a emoción e a motivación só producen verdadeira aprendizaxe pero non é esa a única razón pola que as expericneias deben ser afectivas. Tamén está o feito de que as persoas interactuamos con outras desenvolvendo as emocións en procesos nos que é tan importante o elemento académico como esa apredizaxe líquida que nos achega o traballo en equipo para abordar un mesmo reto, loitar para acadar un mesmo fin ou xuntos asumir un erro que nos permite observar en que fallamos e que elementos debemos modificar; é dicir, as emocións axúdannos a aprender xuntos.
E, tamén niso, a tecnoloxía permite conectar ás persoas como nunca antes, e os nosos alumnos son eses cidadáns que viven a cabalo entre ese mundo dixital e analóxico.

volver ao blog